Escoitar

A Universidade de Vigo acolle o I Congreso de Tradución para a Dobraxe

Do 5 ao 8 de febreiro vaise celebrar na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (campus de Vigo) o I Congreso de Tradución para a Dobraxe en Galiza, País Vasco e Cataluña.

mércores, 31 xan 2007
1170253206traducion.jpg
Baixo a dirección do profesor do Departamento de Tradución, Xoán Montero Domínguez, o evento quere reunir nun mesmo espazo de debate e intercambio científico aos diferentes responsables dos Servizos de Produción Allea das tres canles públicas autonómicas (TVG, ETB e TV3), onde dende hai pouco máis de 25 anos comeza a historia da dobraxe en Galiza, País Vasco e Cataluña para cada unha das linguas propias.

O encontro, no que se inscribiron xa máis de 150 participantes, reúne por vez primeira en Vigo a especialistas na dobraxe, procedentes de diferentes facultades nas que se imparte a Licenciatura de Tradución e Interpretación nas tres linguas cooficiais do Estado, como son: Rosa Agost Canós (Universitat Jaume I), Josu Barambones Zubiria (Euskal Herriko Unibertsitatea), Frederic Chaume Varela (Universitat Jaume I) ou Patrick Zabalbeascoa Terrán (Universitat Pompeu Fabra).

Así mesmo, o congreso contará coa presenza de profesionais da tradución para a dobraxe, como María Alonso, Lluís Comes i Arderiu, Rosa Moledo ou Beatriz Zabalondo, procedentes das tres comunidades mencionadas, que falarán das estratexias de tradución empregadas para obter os produtos dobrados para a televisión (filmes, debuxos animados, documentais…). Tamén asistirán a este evento os responsables lingüísticos de TV3, Josep María Carbó; de EITB, Asier Larrinaga; e da TVG, Ramón Novo.

Ademais do evidente aspecto normalizador lingüístico e cultural que procura o congreso, nas sesións preténdese ofrecer unha formación complementaria e especializada sobre unha modalidade de tradución que está moi presente no mercado profesional dentro e fóra do noso ámbito autonómico. Outro dos obxectivos do congreso é dar a coñecer a todos os asistentes ao curso (profesionais, estudantes, docentes, investigadores e especialistas) o mercado da tradución audiovisual no tocante a empresas (estudios de dobraxe), axencias de tradución e interpretación e axentes mediadores (técnicos en recursos lingüísticos) relacionados con este ámbito profesional.
Descargar todas as imaxes