Escoitar

O Pleno demanda un "compromiso inequívoco" do Goberno central co AVE vigués

Os grupos políticos acordaron hoxe xoves nun Pleno extraordinario demandarlle ao Goberno central un pronunciamento claro e preciso do seu compromiso coa implantación do AVE en Galicia, no que se asegure a construción da variante Cerdedo-O Carballiño coas mesmas características e nos mesmos prazos que as do resto da comunidade.

xoves, 18 xan 2007
1169130082pleno180107.jpg
O Pleno aprobou por unanimidade a proposta da Xunta de Voceiros sobre a Alta Velocidade, despois dun debate no que todos os grupos políticos incidiron na necesidade de xuntar as súas forzas e as de todo Vigo para conseguir un AVE máis rápido nun prazo máis curto.

O portavoz do PP, José Manuel Figueroa, cualificou o tren de alta velocidade como "unha das infraestruturas máis importantes para o desenvolvemento da nosa cidade e da nosa área metropolitana", polo que avogou por "cerrar filas" para que "se marquen os prazos e se fale de consignación presupostaria". Neste sentido, Figueroa denunciou a falta de compromiso que ao seu ver caracteriza a xestión do actual Goberno central, que, segundo asegurou, quere enganar os vigueses con "manobras políticas que están fóra de lugar".

Fronte ás dúbidas manifestadas por José Manuel Figueroa en relación ao Goberno central, o portavoz do PSdeG-PSOE, Xulio Calviño, afirmou que "é moi posible" que o AVE vigués pase por Cerdedo e que o faga nos mesmos prazos que no resto de Galicia. "É o que está aprobando o grupo municipal socialista nesta reunión", subliñou Calviño, quen engadiu que "é hora de que nos unamos todos e de que a medalla a poñamos todos os vigueses".

Xavier Toba, do BNG, mostrou a súa satisfacción pola postura unitaria dos grupos políticos arredor do obxectivo do AVE, que "sabemos que somos capaces" de alcanzar se se traballa "con continuidade e con constancia" e "co respaldo dos representantes da cidade". Respecto a este punto, Toba lamentou que o Consello Económico e Social de Vigo non se teña reunido nun maior número de ocasións durante o presente mandato.

Finalmente, Manoel Soto, do PG, chamou a atención sobre a falta de correspondencia entre a importancia poboacional e económica de Vigo e a das súas infraestruturas, aspecto no que, segundo afirmou, ten unha "consideración subordinada" con respecto a outras cidades galegas. Soto pediu "compromisos no BOE" para que se resolva unha situación da que os "grandes responsables" son, na súa opinión, a Xunta e o Goberno central.
Descargar todas as imaxes