Escoitar

Proposta da Xunta de Voceiros relativa á alta velocidade ferroviaria para ser debatida polo Pleno da Corporación Municipal

mércores, 17 xan 2007
1.- Demandarlle ó goberno de España un pronunciamento claro e preciso do seu compromiso coa implantación da Alta Velocidade en Galicia, con indicacións concretas das características constructivas das obras a realizar, tempos de viaxe previsto dende tódalas grandes cidades galegas, e o calendario de tódalas obras.

2.- Dentro dese proxecto, o compromiso inequívoco de que se construirá a variante de Cerdedo-Carballiño, de xeito que as obras desta alternativa se realicen coas mesmas características e se rematen ó mesmo tempo que as do resto de Galicia, cousa perfectamente posIblel dende o plano técnico.

3.- Suxerirlle ó goberno do Estado Español que xestione diante da Unión Europea, a tódolos efectos, a inclusión das obras antes indicadas co mesmo tratamento obxectivo que as do tramo Santiago-Ourense e coa mesma prioridade que as do Eixo Atlántico, xa que formarán parte del por se-la saída principal da Eurorrexión cara á meseta e ó resto de Europa.

4.- Pedirlle ó Parlamento Galego, á Xunta de Galicia e ó Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra un claro e inequívoco apoio ás teses antes expostas.

5.- Celebrarmos xuntanzas con representantes doutros Concellos da Provincia de Pontevedra, comezando polo da propia cidade de Pontevedra, para establecer accións comúns cara ós obxectivos máis enriba indicados.

6.- Co gallo de axudar a definirmos proxectos conxuntos sobre a explotación da Alta Velocidade entre o Norte de Portugal e Galicia, propoñe-los sucesivos encontros bilaterais que se consideren convenientes cos Concellos do Norte de Portugal, comezando polas Cámaras das cidades de Porto, Vilanova de Gaia, Braga, Valença etc. Eses encontros celebraríanse entre delegacións dos axentes políticos e sociais de cada parte.

7.- Convocar ó Consello Social de Vigo para que, escoitado o seu pronunciamento, se conforme unha delegación da que formarían parte a Xunta de Voceiros do Concello de Vigo xunto con representantes das institucións presentes no C.S. que se estimen máis convenientes, para o mellor cumprimento dos obxectivos indicados.