Escoitar

Comezaron as obras do polideportivo de Bouzas

martes, 26 feb 2002
imx1137.jpg
Colocación da primeira pedra
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, colocou a primeira pedra do polideportivo de Bouzas, que se constrúe a carón do campo de fútbol da parroquia nunha parcela de 4.208 m2. O Concello inviste 871.948 euros nesta nova instalación deportiva.

Lois Castrillo salientou que coa construcción deste polideportivo e do campo de fútbol inaugurado o pasado ano se soluciona o problema da carencia de infraestructuras deportivas en Bouzas. O alcalde referiuse a outras accións municipais na parroquia como a tramitación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior, próximo a aprobarse, para afirmar que “a Bouzas quitáronlle o mar e o xusto era compensala con máis dotacións e infraestructuras”.

O polideportivo de Bouzas será un edificio moderno, cun gran ventanal dende o que o público poderá ter unha panorámica da vila coa igrexa de S. Miguel en primeiro termo. A pista polideportiva terá unha dimensión de 27x45 m., medidas que permitirán utilizar, ademais da pista central, tres campos de baloncesto perpendiculares. O edificio terá seis vestiarios e un ximnasio e estará provisto dun sistema de calefacción. O prazo de execución previsto é de algo máis dun ano.

O alcalde enmarcou a construcción do polideportivo de Bouzas dentro do programa municipal de mellora de dotacións e servicios nos barrios e parroquias. Castrillo dixo que “Vigo non só necesita grandes dotacións como o Pazo de Congresos ou o Museo de Arte Contemporánea, senón tamén instalacións culturais, deportivas e sociais que presten servicio diariamente aos veciños dos barrios. Por iso estamos construíndo máis pistas polideportivas, e centros socio-culturais por todo o municipio”.
Descargar todas as imaxes