Escoitar

O Proxecto Equal Conta con Elas dedica 54.000 euros para a promoción do medioambiente nas empresas

A concelleira delegada para o Proxecto Conta con Elas, Lucía Molares, e o director do Instituto de Desenvolvemento Caixanova, Carlos Palleiro, presentaron hoxe as bolsas Reafirma Medioambiente do Proxecto Equal Conta con Elas. O orzamento da acción é de 54.000 euros.

martes, 28 nov 2006
1164724983contaconelas2.jpg
Esta acción do Proxecto está executada pola Fundación Caixanova, entidade asociada do Proxecto Conta con Elas.

As bolsas Reafirma Medioambiente teñen como obxecto a convocatoria e concesión de 18 bolsas para facilitar a mulleres beneficiarias do Proxecto, seleccionadas para participar nesta acción, a posibilidade da iniciación profesional relacionada coa posta en marcha ou desenvolvemento dun proxecto de carácter medioambiental nunha empresa situada no territorio da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo.

Estas 18 bolsas implicarán para as mulleres beneficiarias unha estancia dun período de 6 meses nos centros de traballo dependentes das empresas e entidades beneficiarias desta acción. Por outra banda, as beneficiarias da bolsa terán dereito a 500 euros por cada período mensual completado, en concepto de incentivo pola asistencia ás prácticas e axuda aos gastos de desprazamento e manutención.

A selección de empresas e mulleres realizarase despois dun anuncio que se publicará o domingo 3 de decembro coas bases e requisitos das axudas. Entre as empresas que presenten a súa candidatura se valorará especialmente aqueles proxectos que sexan de empresas en sectores masculinizados, que ofrezan maior sostenibilidade do posto de traballo no futuro e que supoñan a colaboración entre varias empresas.

O Proxecto Conta con Elas enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no eido laboral. O orzamento do proxecto, preto dos tres millóns de euros, é un dos máis altos de España.
Descargar todas as imaxes