Escoitar

Declaración institucional polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha declaración institucional sobre a violencia de xénero na que se recolle o compromiso de <br /> traballar na prevención da violencia contra as mulleres, poñendo en marcha actuacións que evidencien que a raíz deste problema está nas relacións de poder históricamente desiguais entre homes e mulleres.

luns, 27 nov 2006
O 25 de novembro foi declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co obxectivo de implicar ós gobernos e ó conxunto de organizacións de carácter social na sensibilización a respecto do grave problema que constitúe a violencia de xénero.

É pois, unha data para a denuncia, de concienciación social, mais tamén un día para propiciar a reflexión e o compromiso de toda a sociedade galega sobre a violencia que se exerce contra as mulleres polo simple feito de ser mulleres.

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero son pasos necesarios para loitar contra este fenómeno. Por iso queremos expresar hoxe, o apoio deste Concello de Vigo á iniciativa posta en marcha pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galiza, de dotar ao noso país dunha Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero. Esperamos que a súa aprobación e desenvolvemento no ámbito galego, xunto coa lexislación estatal e o II Plan de Acción Municipal 2004/2007 sirva para combatir a violencia contra as mulleres e contribúan dunha maneira efectiva a diminuír e erradicar a persistencia desta clase de violencia.

As cifras de denuncias e mulleres asasinadas que se repiten ano tras ano, poñen de manifesto dunha maneira brutal, que non podemos baixar a garda, e que se fai imprescindíble a implicación de todas as institucións, asociacións e persoas na súa erradicación. Sabemos que nos enfrontamos a un problema estrutural, pero este feito non pode converterse nunha escusa para non actuar.

Cómpre unha implicación de todas as administracións no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. Debemos camiñar cara o compromiso de todos os homes e mulleres de Galiza para facer visíble o rexeitamento ante calquera forma de violencia contra as mulleres.

Por todo isto, a corporación municipal de Vigo declara o seu firme compromiso de:
Traballar na prevención da violencia contra as mulleres, poñendo en marcha actuacións que evidencien que a raíz deste problema está nas relacións de poder históricamente desiguais entre homes e mulleres.
Promover actuacións que conduzan ó afortalamento da independencia económica, política e social das mulleres.
Colaborar con outras institucións nas políticas destinadas a prestar atención ás vítimas, garantir a súa seguridade e apoiar a súa recuperación.
Facer unha chamada a toda a cidadanía viguesa ó obxecto de que dende un compromiso solidario e activo rexeiten e loiten contra calquera manifestación de violencia de xénero ó supoñer estas un dos símbolos máis indesexables de desigualdade existentes na nosa sociedade.