Escoitar
O departamento de Educación Viaria estará presente na feira Sportalia

Preto de 5.000 escolares vigueses participarán este curso no programa de educación viaria do Concello

xoves, 21 feb 2002
imx1117.jpg
Circuíto de bicicletas
O departamento de Educación Viaria da Policía local instalará unha aula e un parque infantil cun circuíto de bicicletas na feira Sportalia, que se celebrará en Cotogrande do 28 de febreiro ó 3 de marzo. A participación neste evento enmárcase na promoción da campaña de educación viaria da Concellería de Tráfico, Seguridade e Transportes.

Tralo éxito da presencia do departamento de Educación Viaria na Feira da Infancia e Xuventude, celebrada do 26 ó 30 de decembro en Cotogrande, os organizadores de Sportalia requiriron a súa participación neste evento no que haberá mostras de 28 modalidades deportivas de risco e ocio. Na aula daranse nocións sobre seguridade viaria e, logo, os rapaces poderán facer as prácticas nun circuíto de bicicletas sinalizado. Ó remate entrégase un diploma acreditativo.

O concelleiro Xaquín de Acosta convidou a tódolos centros educativos a participar na primeira campaña de educación viaria que se desenvolve desde outubro ata xuño. A Policía local deseñou tres guías didácticas acompañadas dos correspondentes cadernos de exercicios adaptados ós niveis de coñecemento dos ciclos de infantil, primaria e secundaria.

Monitores especializados da Policía Local desprázanse ata os centros de ensino e imparten en cada un deles 5 sesións de 60 minutos para facerlles chegar ós nenos os contidos básicos en materia viaria. Ata o momento, 57 centros educativos solitcitaron a súa participación nesta campaña e está previsto que preto de 5.000 escolares reciban estes coñecementos de seguridade viaria durante o curso.

Ademais deste labor pedagóxico, desde a Concellería de Tráfico, Seguridade e Transportes efectouse un control do transporte escolar para comprobar que se fixera efectiva a adaptación á nova normativa.

Descargar todas as imaxes