Escoitar

O campionato de surf de ondas grandes desputarase o venres en Canido

Este venres 17 de febreiro será finalmente, se as condicións meteorolóxicas o permiten, o día en que se despute o campionato de surf de ondas grandes "Dakine Big Wave Day". O lugar elixido é a zona da Marosa, fronte ao Club Náutico de Canido.

mércores, 15 feb 2006
1140011264Onda2.jpg
Imaxe da zona en que terá lugar a proba
A competición, que comezará ás 09:00, está deseñada para realizarse nun só día. Os surfistas esperarán pola grande onda que está previsto se produza no Fondo da Marosa e alcance unha altura duns seis metros.

Serán doce surfistas os que compitan: Gevara e Peio Lizarazu (Francia), Jaime Fernández, Asier Muniain, Tony butt e Ibon Amatriain (País Vasco), Dani Garcia, Raul Garcia, Michel Velasco e Óscar Gómez (Cantabria), Lucas Garcia e Ivan Villalva (Asturias), Luis Rodríguez, Marcos Torrado, Jose Mendiola, Moncho Borrazas e Milo Castelo (Galicia) e Tiago Oliveira e Miguel Fortes (Portugal).

Os surfistas competirán en dúas rondas clasificatorias, cada unha de 45 minutos. Destas semifinais sairán seis surfistas que competirán nunha final de unha hora de duración. O obxectivo é coller a onda máis grande e navegar sobre dela coa maior destreza.

No Club Náutico de Canido montarase un centro de operacións onde estará a base das motos de auga que apoiarán os surfistas, así como unha pantalla de grandes dimensións para seguir a proba. Na rompente da onda situarase o barco dos xuíces e da prensa.

Segundo a Federación Galega de Surf é a primeira vez que Galicia acolle un evento destas características. A onda rompe no medio do mar, os surfistas cóllena remando e o despregamento de medios e de barcos fan do "Dakine Big Wave Day" algo único en toda Europa. Para a concelleira de Deportes, Lucía Molares, este campionato de surf constitúe "unha nova aposta" do Concello polos deportes náuticos.

O Concello de Vigo e a empresa organizadora, Factorulises, levan traballando varios meses neste proxecto, co fin de daren a coñecer as oportunidades que brinda todo o litoral da ría de Vigo para o surf e seren pioneiros na celebración dun campionato en condicións extremas para a práctica deste deporte. Desde a organización agradécese a colaboración do Prado Surf Club e da tenda de surf Westpeak, así como o patrocinio da marca Dakine, especializada en material para esta disciplina náutica.

Os amantes do surf e os curiosos poden obter máis información sobre esta proba na páxina web www.dakinebigwaveday.com, que informa sobre todo o relacionado co campionato.
1140011264Onda2.jpg
1140010783surf150206a.jpg
1140010842surf150206b.jpg
Descargar todas as imaxes