Escoitar

A reforma da antiga reitoral de Alcabre reanudarase nas próximas semanas

As obras de reforma da antiga reitoral de Alcabre para convertela en local social reanudaranse nas próximas semanas, despois de que o Servizo de Usos do Litoral as autorizase.

martes, 7 feb 2006
As obras foron autorizadas a semana pasada polo Servizo de Usos do Litoral da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, tras a súa paralización en maio de 2005, dous meses despois do seu inicio. Esta paralización foi obxecto de denuncia por parte dos veciños, que viñan reclamando un local onde poder realizar actividades sociais como xuntanzas e cursos de aprendizaxe.

A reforma, subvencionada pola Deputación, conta cun orzamento de 471.000 euros, dos cales 30.000 xa lle foron pagados á empresa que iniciara os traballos en marzo de 2005, realizando daquela labores de derruba de elementos interiores e da cuberta da edificación.

A finais de 2005, a Deputación contratou a empresa DICSA para que continuase coas obras. Agora, DICSA encargarase de finalizar os traballos de derruba e realizar os de construción e saneamento, completando unha primeira fase pola que cobrará 150.000 euros. A segunda fase, cun orzamento de 321.000 euros, consistirá no acabado dos interiores, cuberta, teitos, instalacións eléctricas e fontanería.

Unha vez rematado, o edificio ofreceralles aos veciños de Alcabre servizos como unha zona administrativa, aulas para cursos de formación e locais para reunións. No baixo cuberta prevese, ademais, unha sala de maior tamaño para reunións de máis persoas e unha sala de informática.