Escoitar

O concelleiro de Medio Ambiente informa sobre a situación dos proxectos de novos paseos marítimos

venres, 4 xan 2002
O concelleiro de Medio Ambiente, Amador Fernández, está a manter contactos permanentes co Ministerio de Medio Ambiente para facer un seguimento dos diversos proxectos de paseos marítimos impulsados polo Goberno municipal. Nestes momentos estanse a redactar os proxectos dos paseos da Guía e de Alcabre.

O proxecto do paseo de Alcabre está sendo redactado polo arquitecto César Portela, a quen o Goberno municipal lle solicitou a elaboración do anteproxecto por ser tamén o autor do Museo do Mar, que está enclavado nesa zona. O proxecto do paseo da Guía corre a cargo da empresa Iceasa. O Ministerio acaba de confirmar que ámbolos dous documentos estarán rematados antes do verán. Medio Ambiente remitiraos ao Concello para que lles de o visto e prace e se poida contratar a obra. No caso da Guía, ademais do proxecto de paseo estase elaborando un estudio sobre a dinámica mariña na zona. Con ese informe na man poderanse tomar medidas para rexenerar os areais da Guía.

Amador Fernández informou de que nos próximos días principiarán os traballos de construcción do paseo da Xunqueira do Lagares. Trátase de completar o paseo que remata na depuradora levándoo polo borde da xunqueira ata a embocadura do río.

Ademais, estase a redactar un estudio sobre a dinámica litoral das Cíes que ten como obxecto definir as medidas necesarias para evitar a perda de area na praia de Rodas. O estudio permitirá establecer o lugar idoneo para construir un novo peirao que substitúa o actual. O que se utiliza agora está en malas condicións, perde calado e prexudica a conservación da praia.