Escoitar

Inicio das XV Xornadas Filosóficas de Vigo

Destacados pensadores participarán nas XV Xornadas de Filosofía de Vigo, que se desenvolverán do 18 ao 21 de outubro baixo o título de "A realidade humana: problemática actual da persoa" . As xornadas, organizadas polo grupo Atetheia, terán lugar no salón de actos da Fundación Caixagalicia, que as patrocina xunto co Concello.

martes, 18 out 2005
1129640212FILOSOFIA.jpg
O martes 18 de outubro, despois da apertura das XV Xornadas, o catedrático de ética Camilo José Cela Conde falará, a partir das 17:00, dos correlatos entre as estructuras cerebrais e a conducta moral humana. O mesmo día, ás 19:00, Eduald Carbonell, codirector das excavacións de Atapuerca, iniciará a súa conferencia sobre "Evolución social e desenvolvemento tecnolóxico".

O colaborador da NASA e estudoso do cerebro Javier De Felipe abrirá a xornada do mércores 19 ás 17:00, para tratar dos aspectos comparativos deste órgano. Ás 19:30 será a vez de Jesús Mosterín, "seguramente o filósofo español máis coñecido internacionalmente", segundo Emilio García Bonome. Jesús Mosterín falará de "Natureza humana e xenoma humano".

O xoves 20, a partir das 17:00, José María Bermúdez de Castro impartirá unha conferencia titulada "Evolución humana: dieta, dentes e cerebro". Bermúdez de Castro, director das excavacións de Atapuerca, é na actualidade a principal referencia en España no seu campo de investigación, polo que a súa presenza nas Xornadas foi considerada "un privilexio" por Emilio García Bonome. Tamén o día 20 falará un dos principais teóricos da linguaxe a nivel mundial, Tecumseh Fitch. A súa conferencia leva por título "Evolución da linguaxe: Unha aproximación comparativa".

Finalmente, o venres 21 o especialista en Aristóteles Tomás Calvo tratará, a partir das 17:00, da natureza humana deste filósofo. Ás 20:00, a primatóloga Carmen Maté compartirá, na última conferencia, os seus coñecementos sobre a conducta dos homínidos.

Todas as conferencias, de entre unha hora e unha hora e media de duración, virán seguidas dun coloquio.
Descargar todas as imaxes