Escoitar

O Concello avisará os extracomunitarios sen residencia permanete para que se empadroen

A concelleira Marta Iglesias anunciou hoxe venres unha campaña de comunicación para que os estranxeiros extracomunitarios sen autorización de residencia que viven en Vigo renoven a súa inscrición no padrón municipial.

venres, 14 out 2005
1129295583marta1410.jpg
Esta medida vén motivada por unha resolución do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicada o pasado 30 de maio, que recolle a nova disposición legal pola cal se establece que os estranxeiros non comunitarios sen autorización de residencia permanente deben renovar cada dous anos as súas inscricións no padrón de habitantes, se non queren deixar que estas caduquen.

A data máxima de renovación é o 22 de decembro deste ano para os que estean inscritos desde o 21 de decembro de 2003 e continúen no mesmo municipio. En Vigo están nesta situación 5.671 extracomunitarios. O Concello realizará un preaviso a estas persoas mediante unha notificación antes de que termine o prazo establecido.

Por outra parte, o Concello levará a cabo unha campaña de comunicación para informar os interesados, a través da súa páxina web e do 010, así como por medio de cuñas radiofónicas e de carteis en lugares frecuentados polos inmigrantes, como as oficinas de emprego e de emigración, as da Xunta e as da policía, os locutorios e as estacións de autobuses e de tren. Ademais, con esta mesma finalidade, o Concello reunirase coas asociacións de inmigrantes.

Marta Iglesias dixo esperar "que a maioría renove" a súa inscrición e afirmou que "os que vivimos en Vigo temos que estar empadroados en Vigo". Neste sentido, lembrou que a renovación esixe un acto expreso, para o cal os inmigrantes afectados dispoñen dun modelo de declaración.
Descargar todas as imaxes