Escoitar

A Mancomunidade de Vigo aproba un presuposto de 395.635 euros

A Mancomunidade de Vigo aprobou un presuposto para o presente ano de 395.635 euros, no transcurso dun pleno celebrado onte no Concello de Vigo. A presidenta , Corina Porro, informou do proceso de constitución da área metropolitana e amosou a súa confianza de que no próximo curso político se cree a primeira Área Metropolitana de Galicia.

mércores, 7 xul 2004
1089203197maiv.jpg
A presidenta da Mancomunidade lembrou que o pasado 18 de xuño anunciouse a constitución en Vigo da primeira área Metropolitana de Galicia, trala reunión que mantivo co conselleiro de Xustiza, Xesús Palmou.

Previamente a este anuncio e durante o ultimo semestres producíronse accións encamiñadas á constitución da futura área metropolitana de Vigo de cara á definición final do modelo de entidade que haberá de ser creada por Lei do Parlamento de Galicia, e que na actualidade se encontra en fase de borrador de anteproxecto de lei.

No mes de xaneiro de 2004, a presidenta da Mancomunidade, Corina Porro, decide dar un impulso á constitución área metropolitana , polo que mantivo un encontro nesa data e posteriormente en xuño, co conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local aos efectos de impulsar o proceso de constitución.Así mesmo, durante o mes de maio, a presidenta da Mancomunidade e o presidente da Deputación de Pontevedra mantiveron unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, na que se decide dar o impulso definitivo á constitución da primeira área metropolitana de Galicia.

O Conselleiro de Xustiza entrega en febreiro de 2004 á presidenta da Mancomunidade un borrador de anteproxecto de lei de creación da área metropolitana, momento a partir do cal se aceleran os trámites e trasladase aos concellos o borrador. O día 4 de maio ábrese un período de suxestións para os concellos implicados, con un prazo de 15 días naturais. Este tema é abordado a través de plenos, comisións de goberno e grupos de traballo, sendo finalmente os concellos de Gondomar, Mos, O Porriño, Redondela e Salceda de Caselas as entidades que aportan suxestións.

A instancia da presidencia da Mancomunidade, celebráronse no mes de xuño diversas reunións dos interventores e interventoras dos concellos da Mancomunidade de Vigo para realizar unha análise técnica do borrador remitido pola Consellería. Está prevista unha xuntanza o mércores 7 de xullo na que se proporá a corrección técnica e modificación de parte do seu articulado, o cal será remitido nos vindeiros días á Xunta de Galicia cara a súa toma en consideración.

Ó inicio do próximo curso político está prevista a aprobación do anteproxecto polo Goberno da Xunta para a súa remisión ao Parlamento de Galicia e poder constituír en Vigo a primeira Área Metropolitana de Galicia.

Pleno da Mancomunidade

O Pleno da Mancomunidade de Vigo , que celebrou sesión ordinaria esta tarde, acordou a aprobación inicial do orzamento para o exercicio 2004 que ascende a 395.635 euros. Na sesión deuse conta do estado de execución dos proxectos e traballos técnicos que desenvolve esta entidade e informouse da presentación de novos programas de desenvolvemento para a súa execución nos vindeiros anos.

O Pleno informou dos proxectos en marcha como o “Compás”, da Iniciativa europea Equal, avaliado moi positivamente pola Unidade Administradora do Fondo Social Europeo.O Proxecto Compás, que finalizará en decembro de 2004, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través do deseño e do desenvolvemento de ferramentas e recursos concretos que melloren a ocupabilidade das persoas desempregadas da área metropolitana de Vigo.

Igualmente deuse conta do programa de desenvolvemento rural PRODER II que prevé un investimento global ata o ano 2006 de preto de 11 millóns de euros en accións moi diversas, orientadas á conservación do patrimonio, o medio ambiente, a creación de empresas, o turismo e o emprego das novas tecnoloxías no medio rural.

O Pleno tivo coñecemento tamén do Proxecto “Cidades e empresas pro emprego Empleocities”, financiado pola Unión Europea e dirixido á promoción de medidas innovadoras a favor do emprego na nosa área, proxecto que se ten posto en marcha recentemente no ámbito da Mancomunidade e que conta con financiamento da Unión Europea e un orzamento de 205.000 €.

Por outra banda informouse da finalización de actividades da Unidade de Promoción e Desenvolvemento. Este equipo interdisciplinar que durante o período 2001-2004 desenvolveu unha función de colaboración coas políticas activas de emprego e coas entidades locais, levou a cabo á redacción de máis de 20 proxectos de escolas e obradoiros durante este tempo, moitos dos cales están hoxe xa en funcionamento. Tamén deseñaron e redactaron proxectos de desenvolvemento local para a administración local, apoiáronse os programas de emprego en execución e se elaborou unha importante documentación en materia de análise territorial e promoción do emprego a través dos servicios web e de publicacións.

Entre os novos proxectos presentados nos últimos meses, foi solicitada unha nova subvención de 765.000 € á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para o financiamento dun novo período de actividade da devandita Unidade de Promoción e Desenvolvemento para un período de dous anos (2004-2006).

Igualmente foi presentado un novo proxecto á recente convocatoria da Iniciativa comunitaria EQUAL, denominado “Conta con elas”, dirixido ao fomento da igualdade de xénero e a loita contra a discriminación das mulleres fronte ao mercado de traballo. Este novo proxecto de emprego será promovido pola Agrupación de Desenvolvemento que integran, ademáis da Mancomunidade, os sindicatos CIG, CC.OO. e UXT, a CEP, a Fundación Caixanova, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra.
Descargar todas as imaxes