Escoitar

“La bella Helena”, de J. Offenbach, pecha a Mostra de Arte Escénica no auditorio de Castrelos

martes, 26 xuñ 2001
imx379.jpg
O festival MOARE, que organiza a Concellería de Cultura, chega á súa fin cunha auténtica obra mestra da escena teatral. “La bella Helena” está considerada como unha das xoias dos escenarios dende o momento mesmo en que o compositor J. Offenbach puxo o punto e final á obra, con libreto de Meilhac e de Halew. A representación final de MOARE terá lugar no auditorio de Castrelos o xoves, día 28, ás 22.30 horas.

“La bella Helena”, escrita e composta musicalmente a mediados do século XIX, serve perfectamente como crítica ás situacións pintorescas que se observan hoxe en día. A trama está baseada na mitoloxía grega e, dese xeito, desenvólvese nunha cidade grega, onde Helena, unha muller de extraordinaria beleza, se ve envolta no premio dun concurso de beleza e debe pasar unha tempada cun pastor mozo. Pese a que os personaxes centrais son o reflexo de aristócratas da vella Grecia, o autor plasmou, de xeito inequívoco, tódolos elementos do París da época, con nobres que tiñan unhas maneiras de facer que aburrían soberanamente a Helena que, farta de aguantar esas situacións hipócritas, lanza un auténtico grito de guerra en defensa do amor.

Cunha actualidade desbordante, pese a que xa transcorreu máis de século e medio dende que foi escrita e composta, “La bella Helena” pon en solfa as actitudes de moitos “famosos” da sociedade que poden verse retratados nas poses dos personaxes, sobre todo os protagonistas.

A dirección da obra corresponde a Joseph María Mestres, home experto en lides teatrais que ten obtido un gran número de premios polas súas montaxes nos principais teatros de Barcelona e de Madrid. Dirixiu un importante número de espectáculos nos que a música tivo sempre unha marcada importancia.

O importante elenco de actores e cantantes que desenvolve a obra está encabezado pola soprano Anna Argemí Escudé no papel de Helena. A cantante catalana foi protagonista de gran cantidade de operetas e xa participou noutra obra de Offenbach, “La visa parisina”. Interveu nun gran número de espectáculos musicais e tamén colaborou no cine, onde dobrou a voz cantada da actriz protagonista no filme “El pianista”. Con Argemí están ó fronte do reparto o actor alacantino Xavi Mira, o barcelonés Pep-Anton Muñoz, o barítono catalán Xavier Ribera-Vall e o actor e cantante Jaume Giró Martínez.

O espectáculo de “La bella Helena” complétase coa orquestra composta por piano, concertino, segundo violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, clarinete, trompa, trombón e percusión.

Un grande espectáculo para poñer broche de ouro ó ciclo teatral MOARE, no marco incomparable do auditorio ó ar libre do parque de Castrelos.

Descargar todas as imaxes