Escoitar

Vigueses Distinguidos 2004

O Instituto de Estudios Vigueses, o Colexio San José de Cluny, María Eugenia Ayala González, Manuel Lago Martínez, Hortensia González Fernández,Juan González Pérez, Hipigal S.L. e Anxo González Ferreira son ás persoas e entidades que este ano recibirán o galardón de Vigueses Distinguidos e que aprobou a Xunta de Goberno Local durante a sesión ordinaria celebrada o luns.

luns, 22 mar 2004
O Concello, anualmente, galardoa a persoas ou grupos de persoas que se distinguiron e sobresaíron ó longo das súas vidas polas súas virtudes humanas ou o seu quefacer profesional, en moitos casos non coñecidos pola maioría.Os galardóns entregaranse no decurso dun acto oficial no que se conmemora a Reconquista de Vigo e que este ano terá lugar o sábado 27 de marzo, ás 20 horas , no teatro do centro cultural de Caixanova. No decurso do acto entregase tamén a medalla da cidade que este ano recibirá ANFACO.

Instituto de Estudios Vigueses: Institución creada en 1991, dedicada dende a súa fundación, a fomentar, orientar, coordinar e realizar a investigación nas diferentes ramas das ciencias técnicas e artes en tódalas manifestacións que se relacionen con Vigo e a súa bisbarra. Recoñecemento á traxectoria na busca e defensa dos valores da cidade.

Colexio San José de Cluny: Fundado en 1904, cumpre un século de adicación á educación das mulleres da cidade ininterrompidamente, fomentando asemade campañas a favor da solidariedade, a cultura e deporte. Recoñecese a súa labor a prol da educación na nosa cidade.

María Eugenia Ayala González: persoa dedicada o mundo da confección e a moda, realizando a súa labor ininterrompidamente dende hai 40 anos. Fundadora da Academia de Patronaxe Industrial Ayala. Recoñécese a súa adicación ó estudio, difusión e formación do mundo da moda e a confección.

Manuel Lago Martínez: persoa natural de Vigo, verdadeiro polifacético da filatelia, e autor de numerosos traballos sobre a filatelia e numismática de Vigo. Proponse o seu recoñecemento como contribuínte ó coñecemento e difusión da filatelia e o periodismo filatélico.

Hortensia González Fernández: nacida en Ourense pero residente en Vigo dedicou a súa vida á axuda do necesitado. Fundadora de AFAN, Asociación dedicada fundamentalmente a servir de comedor a tódolos necesitados. Recoñécese a súa labor a prol dos máis necesitados.

Juan González Pérez: oriúndo da provincia de Ourense, médico pola Universidade de Santiago, leva máis de 15 anos como médico voluntario dos Hermanos Misioneros dos Enfermos Pobres. Propóñese recoñecer a súa labor profesional cos enfermos necesitados.

Hipigal, S.L.: Sociedade fundada o 30 de xuño de 2000, recollendo a tradición hípica da cidade, organiza os concursos hípicos e copos do mundo de salto, situando a Vigo entre as primeiras cidades do mundo no deporte da Hípica. Deste xeito no 2000 organizou a primeira copa do mundo que se remitiu con gran éxito no 2003 e, no presente ano xunto coa terceira edición da Copa de Mundo de Saltos e Enganches de Vigo. Proponse recoñecer os méritos de Servicios Hípicos Hipigal, S.L. pola súa contribución ó coñecemento da nosa cidade tanto no ámbito nacional e internacional con esta combinación de espectáculo e deporte.

Anxo González Ferreira: traballador de PSA-Citroën, mestre industrial e sindicalista con máis de 35 anos de profunda dedicación. Proponse o recoñecemento pola súa labor na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras.