Iago Aspas acepta a homenaxe que lle realizará a cidade de Vigo
Abel Caballero destacou que “a traxectoria de Iago Aspas é un elemento de cohesión social e un orgullo colectivo, e por iso faremos esta homenaxe a un deportista de tal envergadura”.
“Seguimos avanzando na homenaxe da cidade a Iago Aspas”, inciou o alcalde, para avanzar que a Xunta de Goberno Local do vindeiro luns dará conta “da aceptación por parte de Aspas da realización dunha escultura”. Unha vez realizado ese paso “continuaremos co procedemento e convocaremos un concurso de ideas”, e posteriormente, ao gañador “contrataraselle a realización e execución da obra”.
A escultura estará no exterior de Balaídos, “na zona de confluencia das gradas de Tribuna e Marcador”, confirmou, explicando que “xa temos o orzamento preparado para esta homenaxe que non precisa xustificación”. Caballero finalizou afirmando que Iago Aspas é “o deportista máis destacado na historia da cidade, máximo goleador do Celta e un xogador excepcional con valores de arraigo, fidelidade institucional e compromiso con Vigo e co club”.