Ardora e Disgobe, Viguesas Distinguidas pola súa traxectoria empresarial
O alcalde avanzou que propoñerá ás dúas compañías nacidas en Vigo para recibir esta distinción que o Concello entrega co gallo da Reconquista deste ano 2026.
Abel Caballero propoñerá a Ardora e Disgobe no ámbito empresarial como Viguesas Distinguidas 2026 cando teñen cumprido xa os seus primeiros 50 anos de actividade: “dúas empresas nacidas no seo dunha familia de longa tradición empresarial”.
Tal e como explicou, Disgobe é unha distribuidora de bebidas e alimentación, fundada en 1975 en Vigo, da man da familia de Horacio Gómez e desde os seus inicios nun baixo da Baixada do Castaño, a empresa foi ampliando o servizo de distribución a toda a provincia de Pontevedra. Na actualidade conta cun equipo de 150 persoas e máis de 40 camións, que ofrecen un servizo integral ao hostaleiro traballando con marcas recoñecidas.
No caso de Ardora, o rexedor apuntou que é unha empresa viguesa especializada en venda de motores e maquinaria destinada ao sector naval e industrial, tamén á asistencia técnica, mantemento e reparación de equipos con 50 anos de actividade. Fundada en 1975 en Vigo, Ardora é o servizo oficial das principais marcas de equipos mariños e industriais.