Escoitar

A rede de moi alta tensión de Vigo avanza coa presentación do proxecto

O alcalde informou hoxe de que Red Eléctrica xa presentou ante a Xunta de Galicia o proxecto para a construción da nova rede de moi alta tensión destinada a garantir o abastecemento eléctrico ás principais áreas industriais e estratéxicas da cidade e da súa contorna.

mércores, 3 dec 2025

O proxecto contempla a creación dunha nova subestación eléctrica na estrada de Camposancos e, desde ese punto, a conexión soterrada baixo o termo municipal de Vigo ata O Porriño. “En Vigo toda a condución será subterránea. Nada estará á vista”, subliñou o rexedor.

A subestación situarase nunha parcela en dirección a Baiona desde Vigo, á esquerda. Tratarase dunha nave integrada na contorna, cun volume acorde ás edificacións existentes. Desde ela distribuirase a enerxía aos distintos puntos que o precisen.

Caballero puxo en valor o traballo realizado por Red Eléctrica: “Quero recoñecer que están cumprindo e avanzando a moita velocidade. É un progreso moi importante que terá efectos decisivos para empresas como Stellantis e para o conxunto da industria viguesa”.

Desde hoxe o proxecto atópase en fase de tramitación administrativa e ambiental na Xunta de Galicia e contará cun período de exposición pública. A actuación supón un investimento de 72 millóns de euros financiados polo Goberno de España.

“Falamos dunha infraestrutura esencial para o presente e o futuro da cidade, que reforzará a competitividade industrial e garantirá un subministro eléctrico á altura do que Vigo necesita”, concluíu o alcalde.

Descargar todas as imaxes