O Goberno municipal avanza na humanización de Cesáreo Vázquez
O rexedor explicou que o investimento superará o millón de euros nesta rúa. Amais. Caballero informou de que o luns enviou asinado o convenio para o financiamento da piscina de Teis, aclarando que a obra segue avanzando.
Abel Caballero avanzou esta mañá os progresos da humanización de Cesáreo Vázquez. O tramo entre Ricardo Mella e Canido, ten “o proxecto xa redactado e temos todos os permisos sectoriais e polo tanto estamos en condicións de iniciar a humanización”.
O investimento é de “máis de 1 millón de euros”; en concreto serán 1.086.000 euros. Na parte de arriba, entre Ricardo Mella e a Estrada de Camposancos, “estamos neste momento colaborando coa asociación de veciños para lograr as cesións”. A partir de aí continuarase coa humanización.
Piscina de Teis
“Seguimos avanzando na piscina de Teis, no que importa, na obra”, comezou o rexedor, destacando que “vai a moita velocidade e polo tanto seguramente podemos abrila antes do que tiñamos previsto”. Caballero explicou que o luns enviou asinado o convenio para o financiamento da piscina de Teis para que os responsables da Deputación o asinen. En todo caso, aclarou que a obra continuará aínda que sexa con fondos do Concello.