Escoitar

Vigo Global Summit 2025 contará co Premio Nobel de Economía Daron Acemoğlu

O Congreso Internacional que organiza Zona Franca contará coa presenza dunha vintena de líderes internacionais na súa segunda edición, presentada este xoves, e que converterá a Vigo en foco internacional do debate económico e social.

xoves, 18 set 2025

A primeira tenente de Alcaldía, Carmela Silva, e o delegado de Zona Franca, David Regades, presentaron este xoves a segunda edición do Vigo Global Summit, que baixo o lema “Liderando e transformando a economía”, situará a Vigo no centro do debate sobre os novos desafíos económicos e sociais aos que se enfronta o mundo.

Entre a vintena de líderes mundiais que participarán neste foro, os días 12 e 13 de novembro no Auditorio Mar de Vigo, destaca o premio Nobel de Economía 2024, Daron Acemoğlu, un dos economistas máis citados e influentes do mundo, tal e como subliñou David Regades.

Carmela Silva confirmou que Daron Acemoğlu será protagonista da segunda xornada do Summit que, baixo o título “Liderado na era da dixitalización”, vai centrarse en como as tecnoloxías e a IA transforman a forma de traballar, e compartirá as súas teorías sobre como inflúen na produtividade e a desigualdade segundo se apliquen no traballo. O economista turco logrou o Premio Nobel de Economía en 2024 polo seu traballo sobre o papel das institucións na prosperidade das nacións. Os seus artigos publícanse nas principais revistas científicas e libros de referencia como Why Nations Fail e marcaron o debate sobre desenvolvemento económico, as institucións e a prosperidade. “Coas súas investigacións e a súa voz pública, colocou a democracia, a innovación e a equidade no centro da discusión sobre o futuro do desenvolvemento humano”, explicou Regades, que destacou o interese de Zona Franca pola gran revolución tecnolóxica que vive a sociedade. Tamén lembrou que “en Vigo, esta transformación xa está en marcha grazas a proxectos como o VgoTIC Global HUB, as aceleradoras de alta tecnoloxía, a planta de chips fotónicos SPARC, ou a aposta por hubs moi tecnolóxicos especializados en mobilidade, aeroespacial ou biotecnoloxía”. “Zona Franca -engadiu- fixo do emprego tecnolóxico un eixo estratéxico, situando a Vigo como líder en España entre as cidades de máis de 200.000 habitantes, cun 13,4% de emprego TIC fronte á media estatal do 6%”.

O Congreso abrirase o día 12 para abordar a xeopolítica, o novo taboleiro mundial e como os conflitos bélicos están a afectar a cadeas loxísticas e políticas de comercialización. Para iso, estarán expertos mundiais como Alicia García-Herrero, chief economist for Asia Pacific en Nataxis; Brian Wong, estratego político experto en China e María Lorca-Susino, doutora en Economía e colaboradora de CNN Español.

Carmela Silva cualificou a programación do Vigo Global Summit 2025 de “extraordinaria”, felicitando á organización de Zona Franca polo seu carácter innovador e vocación internacional. “Vigo, cidade da economía por excelencia, vai ser centro da conversación global sobre os desafíos que enfrontamos; unha conversación tan necesaria nos tempos que vivimos e que propón Zona Franca coa visión anticipadora que lle caracteriza, visión que se fundamenta na nova economía na que o Consorcio ten un papel referencial en Galicia”, sinalou. Silva destacou, ademais, que, dentro da programación, haberá unha ampla e destacada participación de mulleres que lideran institucións e empresas internacionais.

Vigo Global Summit tamén dá un paso máis nesta edición ao incorporar como entidade colaboradora a APD (Asociación para o Progreso da Dirección), “unha alianza estratéxica que nos permite reforzar o vínculo entre o pensamento económico global e o tecido empresarial e consolidar a cita como punto de encontro imprescindible para líderes empresariais e responsables institucionais”. Tamén estará Stellantis & you como vehículo oficial e, desde hoxe, a web do congreso xa está operativa: www.vigoglobalsummit.com na que, proximamente, se abrirá a compra de entradas.
 

Descargar todas as imaxes