A Corporación Municipal aproba definitivamente a ampliación do orzamento en 72 millóns de euros
O Pleno da Corporación de Vigo aprobou definitivamente este xoves, con 18 votos a favor do grupo socialista, 3 abstencións do PP e 3 negativas dos edís do BNG, a ampliación do orzamento municipal de 2025 en 72 millóns de euros. Vivenda, humanizacións en todos os barrios e parroquias, obras en colexios, melloras en instalacións deportivas, humanizacións e atención social, son os eixos dos investimentos.

A primeira tenente de alcalde do Goberno Municipal de Vigo, Carmela Silva, destacou o acordo aprobado hoxe no Pleno do Concello, coa oposición dos edís do PP e do BNG, para ampliar en 72 millóns de euros os investimentos de 2025 cos que responder ás demandas da cidade, como o aumento da oferta de vivenda pública.
Silva remarcou o alcance do aumento dos investimentos nun 22 por cento, porque “servirá para dar un novo impulso transformador” á cidade, fronte a postura dos edís do BNG, votando contra un plan que inclúe numerosos proxectos para Teis, e dos do PP "que non queren que Vigo avance”.
A primeira tenente de Alcaldía remarcou que dos 72 millóns da ampliación orzamentaria, 8 millóns irán ás políticas municipais de vivenda, como o plan de choque. A estes suma 3,9 millóns para melloras nos colexios; 15 millóns para infraestruturas deportivas; 26,5 millóns para obras de humanización en 350 rúas de Vigo e outros 10 para a renovación de firmes en toda a cidade. Ademais, a incorporación de remanentes destinarase á mellora de distintas instalacións municipais, por un importe de 5,3 millóns e a mellora de parques infantís e areais por 5,7 millóns; e a axudar ás familias con menos recursos e que necesitan axudas públicas para atender necesidades vitais.
Pleno
O concelleiro de Orzamentos e Facenda, Xaime Aneiros, lembrou no Pleno que a ampliación orzamentaria ten por obxectivo “realizar políticas públicas de interese para todos os recunchos da cidade”. Recalcou que Vigo “é a cidade de España que incorpora un maior volume de recursos públicos, de aforros do Concello, para dedicalos a transformar toda a cidade e facer de Vigo a cidade máis visitada, como se constata no rexistro durante o último ano de máis dun millón de pernoitas hostaleiras tanto polo seu atractivo como pola transformación constante que facemos constantemente para a cidadanía”.
Aneiros lanzou unha reflexión sobre o alcance dos investimentos e o rexeitamento da oposición á ampliación orzamentaria co investimento que supoñen na cidade, incluído Teis, onde tras as alegacións presentadas ás propostas de investimentos municipais, executaranse proxectos de vivenda, melloras viarias, parques infantís e verdes ou as novas piscinas e biblioteca. “Atendemos a un barrio significativo de Vigo e a toda a cidade con estes 72 millóns de euros extraordinarios do orzamento de 2025 que fai que Vigo siga transformándose e que sexa a mellor cidade para vivir”, afirmou o concelleiro.
Legado de Caballero
Ante o segundo rexeitamento dos dous grupos da oposición municipal á aprobación da ampliación orzamentaria, o voceiro do grupo municipal socialista , Carlos López Font, remarcou a dobre vertente do legado vixente do alcalde Abel Caballero á cidade tanto polas numerosas obras de mellora realizadas en Vigo como por ter impreso entre a cidadanía o orgullo e a autoestima de ser vigueses. “A maioría dos vigueses estamos orgullosos do hoxe, do que se fai”, afirmou López Font ao contrapoñelo coa “minoría” que representan o PP e o BNG coa súa “oposición á proxección da cidade”. O edil afirmou que coa aprobación definitiva da ampliación orzamentaria Vigo rexistra un novo “día histórico” para o futuro da cidade.

