Vigo contará cun dron subacuático
O rexedor repasou a situación do Vigo Vertical tras as últimas postas a punto e sinalou que nestes intres atópase “funcionando a pleno rendemento”.

“Seguimos mellorando os sistemas de atención e salvamento”, iniciou Caballero, para explicar que o Concello de Vigo contratou un dron subacuático por un importe de 25.000 euros. Con este avance tecnolóxico, que estará no servizo municipal durante 3 meses, “atenderemos as necesidades dos 7 quilómetros de litoral de praia” que durante todo o verán conta cunha gran afluencia de visitantes. Finalmente, o alcalde destacou que permitirá inspeccionar o fondo mariño en caso de necesidade, e inclúe “unha pinza robot dirixible para o rescate e traslado a costa”.
Vigo Vertical
Abel Caballero tamén explicou hoxe que “temos todos os elementos do Vigo Vertical funcionando a pleno rendemento nestes momentos”. Relatou as últimas incidencias, xa liquidadas, e advertiu ante posibles novos actos vandálicos que “existen moitas posibilidades de ser collidos e aplicaráselles todo o peso da lei”.
Nas escaleiras mecánicas da rúa Talude, xa se instalaron os novos chanzos tras unha rotura por vandalismo, ao igual que nas ramplas do Centro Médico de Lavadores, con danos no pasamáns. Na Gran Vía, procedeuse á substitución dalgúns cristais da cuberta, que quebraban coa dilatación do metal. Pola súa banda, o ascensor de Camilo José Cela, tiña problemas de variacións de tensión, xa resoltas coa empresa de electricidade. Por último, relatou que o ascensor inclinado de Menéndez Pelayo a Camelias, xa se atopa a pleno rendemento tras a reparación realizada.