Escoitar

As ludotecas de Vigo amplian os horarios nas datas de nadal

A programación centrada nas festas do nadal esténdese tamén ás mañás de vacacións nas ludotecas da cidade para atender ás necesidades de ocio infantil e xuvenil neste período.

martes, 9 dec 2003
1070969299ludoteca.jpg
Na Ludoteca da Casa da Xuventude os e as usuarias realizarán obradoiros de traxes de nadal, de astronomía, de xantares de festa, de xoguetes construídos por eles mesmos e ata trucos de maxia. Coma días especiais figuran o 29 no que haberá unha representación teatral para amigos e familiares e o 30 coa celebración da festa de fin de ano e do "amigo invisible". Ademais desta programación especial continúan as actividades cotiás de teatro, música, cociña, biblioteca, artesanía e outros. Contarán coa visita dos colexios públicos, Javier Sensat e Igrexa de Candeán do programa Vigo por Dentro.

Coa mesma temática a ludoteca de Lavadores fai unha proposta diferente que se inicia coa elaboración dun calendario con regalos. A decoración de nadal centrará algunhas das actividades a realizar que entre outras consistirán no montaxe dun Belén e unha árbore, un obradoiro de postais, elaboración de velas e outros. Non pode faltar unha festa de despedida completa con música e baile, e incluso de vestir elaborados con papel.

Na ludoteca de Integración da rúa Sagunto, que abrirá só polas tardes, as propostas de nadal acollen dende contacontos ata o xogo da lotería, pasando pola festa de fin de ano, a construcción do árbore de nadal e do belén. Ademais se seguen realizando os xogos predeportivos e cooperativos que funcionan todo o ano ó igual que as proxeccións de cine. Nesta ludoteca preparan ademais unha proposta secreta que non nos está permitido desvelar...

No Colexio A Paz Tintureira desenvolvense as actividades da Ludoteca de Coruxo que permanecerá pechada no periodo vacacional do Nadal. De todos xeitos durante este mes adicarán boa parte da programación á preparación destas festas, con obradoiros de refugallo para decorar e construir beléns e agasallos, co fin de inculcar un espíritu crítico ante o consumismo que supoñen estas datas. Tempo para as bromas cos santos inocentes e sorpresas ata que remate o ano.

En Coia haberá unha programación especial con xogos e actividades ambientados no nadal. Sen necesidade de realizar gasto algún, os rapaces e rapazas poderán elaborar regalos moi útiles para agasallar ós seus familiares, e mesmo acompañar con tarxetas de felicitación feitas por eles. Unha orixinal proposta analizará as capacidades dos posibles aspirantes a reis magos e un gran xogo de equipos amenizará de moi bo gusto estes días de festa, sen que as actividades diarias deixen de funcionar...¿quén se aburre no nadal?

Horarios (de luns a venres):
 Ludotecas de: Casa da Xuventude, Coia e Lavadores mañás de 10:30 a 13:30 e tardes de 16:30 a 20:30 horas.
 Ludoteca de Coruxo: pecha en vacacións de Nadal, abrindo os días lectivos de 16:30 a 20:00 horas.
 Ludoteca de Integración do Calvario: tardes de 17:00 a 20:00 horas.
Descargar todas as imaxes