Escoitar

20.000 persoas visitaron as carpas instaladas na campaña ”De boa man”

mércores, 6 xuñ 2001
imx311.jpg
A campaña ”De boa man”, promovida pola Concellería de Benestar Social e a Asociación de Comerciantes de Príncipe, realizouse durante o 22, 23 e 24 de maio co obxectivo de involucrar o tecido empresarial da cidade cara á integración social das persoas con discapacidade mediante un comercio solidario e alternativo.

Seis entidades para persoas con discapacidade que dispoñen de centro ocupacional como Agasfra, Apamp, Aspanaex, Doa, Menela e San Rafael expuxeron e venderon, nas carpas instaladas para a ocasión na rúa Príncipe, os productos realizados polos seus usuarios.

Durante os tres días que estiveron instaladas as carpas, achegáronse arredor de 20.000 persoas e realizáronse unhas 1.000 vendas, que rondaron as 500.000 pesetas de recadación.

Elaborouse un xornal con información relativa ós centros participantes e con entrevistas ós representantes das entidades que colaboraron no desenvolvemento da campaña. Repartíronse 2.000 xornais informativos a pé da carpa e uns 3.000 dípticos. Outros 5.000 exemplares da publicación distribuíronse por correo entre as asociacións de interese social, de maiores, de mulleres e de persoas con discapacidade da cidade de Vigo.

A valoración desta actividade emprendida conxuntamente pola Concellería de Benestar Social e as entidades participantes resultou moi positiva, tanto no que se refire á consecución dos obxectivos propostos como no traballo coordinado das entidades participantes.
Descargar todas as imaxes