Escoitar

Manifesto polo Día Internacional do Pobo Xitano

O Pleno ordinario do mes de abril acolleu a lectura do manifesto con motivo do 8 de abril e da conmemoración dos 600 anos de presenza do pobo xitano na Península ibérica, a cargo de Marina Pereira dos Anjos e Andrea Jales Bastos, en representación da Fundación Secretariado Xitano.

luns, 28 abr 2025
Momento da lectura do manifesto
Momento da lectura do manifesto

Cúmprense 600 anos da presenza do pobo xitano na Península Ibérica, feito rexistrado a través dun documento que testemuña que o 12 de xaneiro de 1425 Alfonso V, ReI de Aragón outorgou a Juan, Conde de Exipto Menor, un salvoconducto que lle autorizaba a viaxar libremente na súa peregrinación a Santiago de Compostela. Desde entón, o pobo xitano está presente na Península Ibérica, achegando a súa rica expresión artística, o seu léxico, gastronomía, os seus oficios... É imposible imaxinar a cultura española sen que o compoñente xitano forme parte dela.

A configuración da nación e a identidade española ao longo dos séculos construíuse tamén inequivocamente cos elementos achegados polo pobo xitano. A pesar de que pasaron seis séculos e o pobo xitano forma parte esencial do crisol cultural que conforma a sociedade española, o profundo descoñecemento do pobo xitano, da súa diversidade, a súa identidade, a historia e cultura que comparten, están na base do rexeitamento e a discriminación antixitana. O coñecemento que se ten do pobo xitano segue baseado en xeneralizacións, prexuízos ou estereotipos negativos.

Coa aprobación da Constitución e a instauración da democracia, o pobo xitano foi alcanzando cotas de igualdade e mellorando as súas condicións de vida. Con todo, son moitos aínda os retos pendentes: os xitanos e as xitanas son máis pobres, teñen un nivel educativo moi inferior á media que condiciona o seu futuro, levan o peso dunha imaxe social negativa e sofren máis discriminación, especialmente as mulleres, e están sistematicamente fóra da esfera pública e os espazos de poder.

Con ocasión deste 600 aniversario, e da celebración do 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, sumámonos ao compromiso dos poderes públicos para avanzar na igualdade e o recoñecemento do pobo xitano, un recoñecemento que pasa por preservar e promover o seu patrimonio cultural: a súa historia e cultura, así como os símbolos de identidade. Para avanzar en igualdade, é necesaria unha resposta decidida fronte á pobreza e a desigualdade estrutural que impiden o progreso social do pobo xitano. Fan falta investimentos e políticas públicas máis ambiciosas e sostidas que lles permitan acceder a un emprego digno, combater o fracaso escolar e a segregación, ou erradicar o chabolismo. É imprescindible tamén respostas institucionais e xurídicas firmes ante os casos de discriminación e discurso de odio.

Por último, convidamos ao conxunto da sociedade para coñecer a historia e cultura do pobo xitano, os valores e tradicións sobre os que se sustenta a súa identidade; convidámosvos a celebrar xuntos estes 600 anos de historia compartida


 

Descargar todas as imaxes