Escoitar

Caballero apunta que o novo Parque de Bombeiros en Esturáns estará rematado "de forma inmediata"

Abel Caballero anunciou hoxe que o novo edificio “estará acabado de forma inmediata” e tamén avanzou o acordo aprobado este martes pola Xunta de Goberno para contratar, por 130.363 euros, as obras de reforma das dependencias da Policía Local.

martes, 22 abr 2025

O alcalde afirmou este martes que o novo Parque de Bombeiros en Esturáns estará rematado no prazo dunha a dúas semanas. Ante a afirmación do PP sobre que non existe prazo de apertura, Caballero incidiu en que os bombeiros “antes estaban nunha cochiquera, nunha esquina de Balaídos, e o PP, que gobernou Vigo, non os sacou de alí e agora piden o parque novo que o estamos facendo nós, igual que o de Teis, para que estean nunha forma digna”.

O rexedor indicou que o edificio está pendente do cambio de mobles e que “de forma inmediata, estará en funcionamento o novo Parque de Bombeiros”.

Policía Local

Caballero explicou que as melloras das instalacións da Policía Local, que afectan a un espazo de 500 metros cadrados, servirán para dotar as instalacións dunha nova cuberta transitable, así como novas luminarias.

As reformas tamén afectarán á substitución dos pavimentos, reparacións dos falsos teitos e á zona axardinada, entre outras. Caballero lembrou que o goberno municipal quería trasladar as instalacións da Policía Local ao edificio da Gota de Leche, situado fronte ao Concello. “Tiñámolo acordado co goberno de Emilio Pérez Touriño e cando chegou Feijóo dixéronnos que non”, lembrou, ao recalcar que na actualidade o edificio atópase infautilizado”, polo que insiste en reclamalo para a Policía Local.

O rexedor ofrece unha nova e céntrica instalación para trasladar a escola infantil que se atopa na Gota de Leche, “pero ponse de manifesto que a Xunta, para quedar con cousas do Concello sempre está disposta, pero cando o Concello necesita algo e a Xunta teno que ceder, desde que chegou Feijóo e logo Rueda, sempre é un non”.

Descargar todas as imaxes