Fe Seguros recibirá a segunda Medalla da Cidade deste 2025
Abel Caballero avanzou que o Ceip A Doblada e a Escola de Educación Infantil Vila Laura serán recoñecidos co premio Vigués Distinguido na gala que se celebrará o vindeiro 26 de marzo.

O alcalde desvelou este luns que a cidade entregará este ano dúas medallas: Fe Seguros, aseguradora de decesos fundada en Vigo en 1924 recibirá a maior distinción municipal pola súa “proximidade a tanta xente da cidade”, logo de cumpriren os seus primeiros cen anos de traxectoria. ARVI, a Cooperativa de Armadores de Vigo recibirá a outra Medalla da cidade.
Ademais, serán recoñecidos como Vigueses Distinguidos dous centros educativos con 50 anos ou máis de actividade na cidade: o CEIP A Doblada, un centro de Educación Infantil e Primaria multicultural, integrador e aberto situado en Martínez Garrido; e a Escola de Educación Infantil Vila Laura, que leva 50 anos educando a nenas e nenos de entre 3 e 6 anos.
O acto de entrega dos galardóns terá lugar o mércores 26 de marzo ás 20:00 horas no Teatro García Barbón. Entre os premiados están Iván Martínez, presidente do Banco de Alimentos, a título póstumo; o Consello Municipal da Muller, o xornalista Antonio Mínguez Hermida e Alento, Asociación de Dano Cerebral.