Escoitar

A biblioteca Neira Vilas enche o mes de setembro de actividades

O alcalde avanzou parte das propostas de lectura, actividades e eventos que a biblioteca municipal ten organizadas para as próximas semanas.

mércores, 21 ago 2024

O alcalde puxo en valor o traballo que desenvolve a Neira Vilas, financiada na súa totalidade polo Concello, como a biblioteca “máis importante da cidade”.

No mes de agosto continúa co seu programa de actividades e para setembro prevé charlas, accións de fomento da lectura ou asesoramento en diferentes xestións.

Abel Caballero destacou o “Préstamo a cegas”, unha iniciativa na que, ata o 30 de setembro, o público socio pode participar levando para a casa paquetes pechados emprestados sen saber o que hai dentro; “descóbreno ao chegar á casa, por propio azar e pola recomendación da biblioteca, confiando na selección que fan”, explicou.

En setembro a Neira Vilas acollerá dous encontros no marco das “Terrazas de verán”: o primeiro, o venres 13 de setembro, ás 19:30 horas, coa xornalista e formadora Elba Pedrosa para falar de todo o que rodea ao mundo literario. Para público adulto e con aforo limitado. O segundo encontro será con Ana Larrañaga, o venres 27 de setembro, ás 19.30 horas para abordar a investigación con público adulto. A charla desenvólvese baixo o lema “G- Night: Na procura da potencia perdida: A España solar que non foi”, no marco da G-Night, A noite Galega das persoas investigadoras. Ten aforo limitado.

No mes de setembro, a biblioteca Neira Vilas abre o prazo de inscrición do seu Club de lectura. Será a partir do día 17 ás 10.30 horas. Haberá dous grupos dispoñibles para entrar no club.

Sobre os outros servizos que presta a biblioteca, o alcalde destacou o asesoramento ad hoc sobre bibliotecas, tamén sobre o manexo de bibliotecas dixitais; o servizo bibliolabora de asesoramento na elaboración de currículos, procura de traballo en plataformas en liña, etc... E a tramitación dixital de citas para ITV, renovación DNI…

Ademais, as persoas usuarias da Neira Vilas terán a oportunidade de achegarse ao longo de todo o mes de setembro aos Libros Prohibidos. Trátase dunha campaña anual de concienciación, promovida pola Asociación de Bibliotecas de Estados Unidos e Amnistía Internacional na que se celebra a liberdade para ler e chámase a atención sobre os libros prohibidos e cuestionados, destacando a figura de persoas perseguidas para dar a coñecer esta situación en países baixo réximes ditatoriais ou represivos.

Caballero sinalou tamén que durante o mes de setembro a recomendación de escritor será Manuel Rivas, un dos autores galegos con maior proxección internacional “cunha prosa marabillosa e únome á recomendación”.

 

Descargar todas as imaxes