Escoitar

O alcalde anima á cidadanía a "vivir" a exposición de Laía Argüelles no MARCO

Pasado e memoria conxúganse nas máis de 20 obras que a artista Laía Argüelles Folch expón no Museo de Arte Contemporánea de Vigo ata o próximo 20 de novembro, e que o alcalde anima a “vivila” e a “meterse” nela pola súa capacidade de “facer vivo” o pretérito no presente.

xoves, 27 xuñ 2024

Abel Caballero inaugurou hoxe a exposición “Todavía siempre” da artista Laía Argüelles Folch que, comisariada por Laura González Palacios e María Seoane, permanecerá aberta durante máis de catro meses no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

A mostra, que exhibe máis de 20 pezas que recompilan parte do traballo realizado nos últimos 10 anos pola artista, é a “connotación do tempo pasado que se detén”, segundo recalcou hoxe o rexedor tras observar as imaxes localizadas por Laía Argüelles en rastros, tendas de coleccionismo e librerías de vello de distintos países.

O alcalde asegurou que a exposición “engancha” por converterse na forma de dicir ao espectador “queda aí e vive aquela foto de hai 100 anos”, por iso recomenda á cidadanía contemplar con “acougo” a proposta da artista.

Traballo de resistencia

Laía Argüelles explicou que o proxecto exposto no MARCO aparece a partir da pregunta: “Cómo vivir?”. Incidiu en que se trata dunha proposta aberta, que continuou ao longo dos anos e que incide e se trata dun traballo de resistencia, de pensar con imaxes e coa repetición, con delicadeza, conservación de materiais e a pervivencia das imaxes.

A comisaria Laura González Palacios asegurou que a mostra permite ver despregadas as obras de Laía Argüelles recompiladas durante 10 anos, así como a súa forma metódica de traballar traendo á contemporaneidade feitos antigos.

Descargar todas as imaxes