Escoitar

O Concello convida á cidadanía a gozar da programación do 8M, Día Internacional da Muller

Baixo o lema “Libres, fortes e unidas por ti e por todas” o Concello e o Consello Municipal da Muller organizan entre o 5 e o 27 de marzo un abano amplo de actividades que van desde a formación ata o teatro, a maxia e os concertos, como o de Lontreira que terá lugar na Porta do Sol.

mércores, 28 feb 2024
Momento da presentación da programación
Momento da presentación da programación

O alcalde participou este mércores na presentación das actividades agradecendo “o traballo continuo e constante do Consello Municipal da Muller durante todo o ano para a procura da igualdade e sendo precursoras durante tanto tempo” desta loita. Animou á cidadanía a sumarse ás diferentes propostas do programa do Día Internacional da Muller e alertou contra o avance de ideoloxías que tratan de parar o feminismo. Contra iso, apuntou, “queremos que Vigo sexa pioneira; unha cidade na que o 8M sexa unha reivindicación e unha reflexión colectiva sobre a igualdade e o avance do feminismo”.

A programación municipal comeza o vindeiro martes, 5 de marzo, e desenvólvese ata ao mércores 27 de marzo con accións artísticas, teatro, visitas guiadas, faladoiros, xornadas formativas, proxección de filmes e concertos. O primeiro acto será o martes 5 coa acción artística “Pan e rosas”, na Praza da Princesa (12h) e ás 20 horas celébrase o concerto de Antía Muíños no Auditorio Municipal (entrada libre). A programación pecha o 27 de marzo, cun concerto de Lontreira na Porta do Sol, ás 21 horas con entrada de balde.

Luz Iglesias, vicepresidenta do Consello Municipal da Muller convidou a “todo o mundo a participar da programación que ten propostas de todo tipo para tódolos públicos” e puxo en valor a utilidade das xornadas formativas centradas nas políticas públicas. Ademais, estiveron na rolda de prensa, Charo Otero e Elena Rodríguez, integrantes do Consello Municipal da Muller.

A concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias, destacou algunhas das propostas do programa: o venres 8 de marzo, ás 10 horas celébrase o Pleno específico do Consello Municipal da Muller; ás 12 horas inaugúrase a acción artística “8M. Todas as mulleres do mundo” na Porta do Sol e ás 20 horas comeza a manifestación convocada por Feminismo Unitario de Vigo, con saída desde a Praza de España.

O martes 12 ás 20 horas, proxección do filme “Onde estamos nós”, de Lara Alonso, con presentación e coloquio posterior coa directora no MARCO. O mércores 13, ás 12 horas, exposición de homenaxe a mulleres destacadas, na rúa do Príncipe. O venres 15 de marzo, ás 20 horas, celébrase a gala de entrega do XII Premio de Igualdade Ernestina Otero, que este ano recibe Margarita Ledo, cineasta, escritora e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC. O acto será na Sala Afundación. O sábado 16, ás 11 horas da mañá comeza unha visita guiada ao roteiro feminino “Sons de mulleres, a cargo de María Casar desde o Paseo de Alfonso. O mércores 20 e xoves 21 a partir das 16:30 horas desenvólvense en Afundación as xornadas formativas presenciais “As políticas públicas de Igualdade” para as que se precisa inscrición previa.

O programa municipais para conmemorar o Día Internacional da Muller inclúe diferentes espectáculos: o mércores 6, “Xuntáronse 3 un día”, monólogos de comedia con Jazmín Abuín, Arantxa Treus e Coria Castillo no Auditorio municipal. O xoves 7, ás 19 horas, recital de poesía de xénero con Su Garrido Pombo na Casa Galega da Cultura. O sábado 9, ás 20 horas, “Hellen Keller, a muller marabilla?”, espectáculo teatral de Chévere, dentro da programación de Vigocultura no Auditorio municipal e, no mesmo escenario, o sábado 16, ás 20 horas, “Que din as rumorosas” de Maquinarias Teatro e o domingo 17, ás 18 horas, espectáculo de danza “O conto de Persépolis” de La Coja Dansa para público de entre 6-12 anos.

Ademais o martes 19, ás 19 horas, haberá un faladoiro “As mulleres pechadas non psiquiátrico de Conxo durante ou franquismo” a cargo de Montse Fajardo no Centro de Documentación Feminista.

 

Descargar todas as imaxes