Declaración Institucional polo 25 de novembro "Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres"
En representación do Consello Municipal da Muller, María del Mar Ferrero Cuesta, da asociación “Empresarias de Galicia”, colectivo integrante do Consello leu no Pleno deste luns a declaración institucional con motivo da celebración do 25N
A Asemblea Xeral da ONU celebrada o 7 de febreiro de 2000 adoptou a Resolución 54/134 pola que designaba o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, coa que convidaba a gobernos de todo o mundo, así como a organizacións non gobernamentais e outras institucións, a que coordinasen actividades cada ano por esa data co fin de elevar a conciencia pública con respecto á eliminación de todas as formas de violencia contra as mulleres.
A Constitución Española de 1978 consagra a igualdade real e efectiva, así como o dereito á vida, á integridade física e moral, e á liberdade:
Artigo 9.2: “Corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas; remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social”.
Artigo 14: “Os españois son iguais #ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”.
Artigo 15: “Todos teñen dereito á vida e á integridade física e moral, sen que, en ningún caso, poidan ser sometidos a tortura nin a penas ou tratos inhumanos ou degradantes”.
Artigo 17: “Toda persoa ten dereito á liberdade e á seguridade. Ninguén pode ser privado da súa liberdade, senón coa observancia do establecido neste artigo e nos casos e na forma previstos na lei”.
En iguais termos a Lei 7/2004, de 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, fixa na súa exposición de motivos que “A igualdade de dereitos entre mulleres e homes é unha necesidade esencial nunha sociedade democrática moderna (…)”. Como desenvolvemento da mesma, a pioneira Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero recoñece no seu preámbulo que “A violencia machista e os malos tratos formaron parte da vida cotiá de moitas mulleres ao longo do tempo. Mais esta violencia estaba normalizada e naturalizada, co que non tiña recoñecemento como tal, o que provocaba a súa invisibilidade e ocultamento. Grazas aos movementos de mulleres que a partir dos anos setenta comezaron a desenvolver de xeito colectivo e organizado accións en contra da violencia, esta comezou a ser percibida e a ter un certo impacto social. Como consecuencia desta acción foron os organismos internacionais os primeiros que tomaron conciencia da difícil situación na que se atopaban moitas mulleres e os que, por medio de diversas declaracións, deron visibilidade a unha eiva social agachada ata ese momento na privacidade dos fogares”. E no seu artigo 1 define a violencia de xénero como “calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada”, estendendo ademais esta consideración á denominada violencia vicaria que padecen as fillas, fillos ou persoas estreitamente relacionada con elas.
Así mesmo, a Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, no seu artigo 1, declara que: "As mulleres e os homes son iguais en dignidade humana, e iguais en dereitos e deberes. Esta Lei ten por obxecto facer efectivo o dereito de igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, en particular mediante a eliminación da discriminación da muller, sexa cal for a súa circunstancia ou condición, en calquera dos ámbitos da vida e, singularmente, nas esferas política, civil, laboral, económica, social e cultural para, no desenvolvemento dos artigos 9.2 e 14 da Constitución, alcanzar unha sociedade máis democrática, máis xusta e máis solidaria".
Lamentablemente, un ano máis reunímonos para condenar as violencias contra as mulleres. Desde 2003, son xa 1236 as mulleres asasinadas por unha parella ou exparella. Só entre xullo e setembro de 2023 foron asasinadas 25 mulleres.
As cifras seguen sendo horribles e poñen de manifesto a persistencia destas violencias sobre as mulleres sen diferenza de idade, condición ou estado civil. A violencia contra a muller é transversal, ocorre en todo tempo e en todo lugar.
De todos os xeitos, esas cifras tampouco reflicten completamente a realidade, pois non inclúen a aquelas que sofren violencia por parte de descoñecidos, sen relación afectiva, ou os asasinatos de mulleres vítimas de trata de persoas, de nais, de irmás…, que se cometeron polo feito de ser mulleres.
A clave está en incorporar na educación ideas, desde a idade temperá, como a resolución de conflitos desde a serenidade, a empatía, a autoestima, a supresión de estereotipos patriarcais, que son formas para loitar contra as violencias machistas arraigadas aínda na sociedade.
Unímonos sen fisura á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data crucial para reiterar a nosa vontade firme e compartida de actuar, desde xa, sobre os desafíos que enfrontan as mulleres na nosa sociedade e reafirmar o noso compromiso inquebrantable coa erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres.
Hoxe lembramos a todas aquelas que sufriron violencia, a principiar polas vítimas de infames feminicidios, pero tamén das que padecen formas aparentemente máis sutís pero igualmente discriminatorias e que atinxen a práctica totalidade das facetas da nosa vida; manifestamos o noso apoio ás sobreviventes; e reafirmamos o noso compromiso colectivo para crear unha contorna no que todas as mulleres poidamos vivir libres e iguais.
Recoñecemos a importancia da sensibilización e a educación como ferramentas fundamentais para combater a violencia machista. Comprometémonos a seguir promovendo programas educativos e de sensibilización social que fomenten o respecto, a igualdade e a solidariedade, traballando da man coa comunidade para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva.
Neste día, instamos á cidadanía de Vigo a que se una a nós na loita feminista contra todas as formas de violencia machista en contra das mulleres. A prevención e a concienciación son responsabilidades compartidas, e xuntas e xuntos podemos establecer a diferenza. É imperativo que todas e todos, traballemos unidas e unidos para construír unha sociedade na que as mulleres podamos vivir sen temor e con plena igualdade de dereitos.
Ratificamos o noso compromiso de seguir traballando para que se implementen políticas públicas que promovan a igualdade, proporcionen recursos para o combate de todas as violencias machistas e brinden un apoio real ás vítimas e persigan de maneira implacable aos perpetradores da violencia machista. Só a través da acción colectiva e a colaboración podemos construír un futuro no que esa violencia contra as mulleres sexa unha atroz páxina do pasado.
Hoxe, no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, reafirmamos a nosa determinación de traballar incansablemente para alcanzar unha sociedade efectivamente igualitaria na que todas as mulleres poidan vivir con liberdade, dignidade, seguridade e pleno exercicio dos seus dereitos.
Nin unha menos! Querémonos vivas, libres e iguais! “