O Concello establece medidas para facilitar a mobilidade de persoas e vehículos durante o Nadal
O goberno municipal ten en marcha un Plan de Mobilidade para o Nadal e un específico para o día do acendido, este venres 24 de novembro, que poden consultarse na web www.vigo.org.
O alcalde deu conta este mércores do plan de tráfico destinado a “facilitar a mobilidade, dar máis seguridade e permitir que as persoas residentes nas zonas máis afectadas pola iluminación e pola afluencia de persoas teñan o mínimo de molestias”.
Así, haberá cambios no tráfico habitual, respectando o acceso aos domicilios das persoas que utilizan os seus propios medios de transporte e favorecendo o servizo de transporte público urbano.
Ante o previsible aumento do tráfico no centro da cidade e unha gran presenza de peóns durante o período navideño, o goberno de Vigo adopta unha serie de medidas que estarán vixentes desde este venres, 24 de novembro, e ata o día do apagado das luces. Ademais, hai medidas específicas en horario de 17 a 23:30 horas os días de máxima afluencia: 24, 25 e 26 de novembro; 1, 2, 3, 5, 6 ,7, 8, 9, 10, 15, 16, 17, 22, 23, 24, 25, 26, 29, 30 e 31 de decembro e 1, 5, 6, 7 e 14 de xaneiro.
O Concello estableceu un perímetro de acceso restrinxido a vehículos que inclúe as rúas máis próximas á zona de maior actividade do Nadal. O alcalde lembrou que a recomendación xeral é que se acceda a este perímetro soamente para o uso do transporte público, para o acceso de residentes e para o acceso a garaxes ou aparcamentos.
O plan de mobilidade, que estará dispoñible na web municipal, www.vigo.org, recolle recomendacións para peóns e para vehículos con itinerarios alternativos, unha listaxe de aparcamentos no centro e fóra do centro urbano, a localización de prazas para persoas con mobilidade reducida, os postos de emerxencia e planos coa situación dos diferentes elementos do Nadal.
Este é o enlace da web na que pode consultarse o Plan de mobilidade: https://storymaps.arcgis.com/stories/bcde8060813d45ccb2fcbd2b6c64d391