Escoitar

O alcalde anuncia as axudas para deportistas sub-23 e os novos programas da Fundación VIDE

Abel Caballero anunciou os programas que o Concello, a través da Fundación Vigo en Deporte (VIDE), realizará ata final de ano, ademais da relación de galardoados nos Premios Siareiros, que recoñecen a actividade de canteira do tecido deportivo vigués.

luns, 6 nov 2023

“Este martes abrimos o prazo para as bolsas VIDE”, avanzou o rexedor. Son axudas económicas para deportistas individuais de idade Sub-23, pola súa tempada 22/23. En decembro decidiranse os beneficiados/as, que se repartirán 20.000 euros. É a décima convocatoria consecutiva pois tamén a houbo durante a pandemia.

Este domingo, un torneo de promoción do tenis de mesa no pavillón de Quirós será o primeiro dos eventos programados da campaña 23/24, que contemplan de xeito especial o Trofeo Concello de Vigo de Nadal (26 ao 29 de decembro), de fútbol 8 para prebenxamíns, benxamíns e alevíns e de fútbol 11 para infantís. "É un torneo moi importante, con milleiros de nenos e nenas", explicou o alcalde. En Nadal tamén está programado o Cidade de Vigo de baloncesto 3x3, no polideportivo de Navia (sábado 30), coordinado polo CB Seis do Nadal, e do 2 ao 4 de xaneiro o Campus de Reis nas Travesas.

O acto, de presentación de toda a tempada VIDE, con especial incidencia no que resta de ano, serve tamén para entregar os Premios Siareiros, que buscan poñer en valor a traxectoria dos clubs e os seus dirixentes. Nesta oportunidade VIDE recoñece a traxectoria de Miriam Costas, presidenta do Sincro Rías Baixas, e de Carlos Dafonte, un dos fundadores do Vigo Squash en 2003, entidade que presidiu ata hai poucos anos. Hai espazo tamén para aplaudir ao Club Sieiro Acrobacia, que cumpre un cuarto de século, e ao CB San José da Guía polo seu trixésimo aniversario (1993-2023). Ademais, valórase ao CD Bosco de Vigo polo ascenso do Celta Zorka Recalvi á máxima categoría do baloncesto feminino estatal e ao UB Lavadores, como representante do balonmán na parroquia e herdeiro do Santa Cristina, nado fai sesenta anos para promover este deporte en Lavadores. En 2024, ao deporte formativo espéranlle os Cidade de Vigo de ximnasia rítmica e o de grupos show, a Liga Concello de Vigo de natación escolar, a Vigo Cup (17-30 de xuño) ou os campus polideportivos VIDE, en xuño e xullo, que ampliarán o número de prazas.

Descargar todas as imaxes