O Concello programa viaxes ás Illas Cíes para dar a coñecer o seu patrimonio
As familias viguesas poden reservar xa algunha das 2.000 prazas nos nove barcos previstos na web www.xuventudevigo.org. Serán viaxes de 25 persoas que se realizarán nos meses de setembro e outubro.
O alcalde explicou este venres que se trata dunha actividade gratuíta dirixida a familias empadroadas en Vigo, con algún menor a cargo, para que coñezan a riqueza xeolóxica e natural do arquipélago. “É un programa de gran contido. Queremos que as Cíes sexan recoñecidas no mundo pola importancia que teñen, polo que significan medioambientalmente e que, máis adiante, sexan Patrimonio da Humanidade”.
O Concello ofrece 2.000 prazas na web www.xuventudevigo.org nas que as familias poden reservar viaxe algún dos nove barcos que partirán da Estación Marítima os días 5, 6, 7, 8, 10, 23 e 30 de setembro e os días 1 e 7 de outubro. A saída será ás 10:30 horas da mañá e o regreso a Vigo ás 18:30.
A actividade nas Cíes inclúe unha ruta de sendeirismo e unha visita guiada para coñecer a riqueza xeolóxica, a lagoa dos nenos, a historia da formación da ría e do arquipélago e, pola tarde realizarase unha xincana familiar na que se “xogará” coas aprendizaxes da visita.