O alcalde acorda co presidente do Porto a creación dunha mesa de traballo conxunta
Abel Caballero recibiu este mércores a Carlos Botana, novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, con quen mantivo un encontro “moi importante, de cooperación e man tendida con vocación de buscar solucións”.
“Iniciamos unha etapa de diálogo cun profesional do porto, que reúne todas as características para ser un moi bo presidente do Porto. Eu son optimista, creo que podemos chegar a acordos; desde logo no ámbito técnico seguro”, valorou o rexedor trala xuntanza mantida no Concello con Carlos Botana. Unha reunión que cualificou como “moi importante nun ámbito de cooperación e mans tendidas total coa vocación de desatascar cuestións e buscar solucións”.
Abel Caballero e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo acordaron crear unha mesa de traballo para “tratar de buscar diálogo” sobre temas pendentes e sobre a utilización máis eficiente dos espazos portuarios para o que lle ofreceu “toda a cooperación da cidade. Poderiamos avanzar en elementos de disensión sobre o Plan de Usos e comezar a preparar o Plan Especial do Porto”. Tal e como explicou, a representante municipal nesa mesa será María José Caride, concelleira de Urbanismo, nun goberno municipal, dixo, con sensibilidade especial e coñecemento da actividade portuaria, dado que tanto o alcalde como a tenente de alcalde, Elena Espinosa, presidiron o Porto de Vigo en etapas anteriores.
O rexedor referiuse ao Plan de Usos do Porto, que está en exposición pública, e sinalou que lle propuxo a Carlos Botana dar un paso máis: o Plan Especial do Porto “que contemplaría toda a súa dimensión, incluídas as edificacións e o ámbito urbanístico polo que poderíamos ter o Porto orientado para os próximos 30 ou 40 anos”. É unha proposta que, como indicou, xa lle fixera a López Veiga e que repite agora con Botana.
Amais, Caballero trasladoulle a Botana unha das súas liñas vermellas sobre a relación do Porto e a cidade que é o “non aos recheos. O Porto e a ría xa non soportan máis recheos e temos que asumilo colectivamente na cidade”. Tamén ofreceu cooperación nas decisións que impliquen avances no espazo do Porto como a posibilidade de ocupar ou adquirir, en cooperación con Zona Franca, espazos de Adif como o existente no nó de Isaac Peral detrás da terminal de contedores. “É algo que poderiamos dialogar o Porto e a cidade con Adif”.
En relación a outros temas abordados na reunión, mencionou o alcalde a posibilidade de explorar a utilización dos bombeiros da cidade no ámbito do Porto; a necesidade de manter o túnel de Beiramar con respecto absoluto á operatividade do porto pesqueiro; o uso de zonas situadas na rúa Areal, que son propiedade do Porto e para as que cómpre buscar unha fórmula que as melloren para o uso cidadá ou o desenvolvemento de zonas como o carril bici e a ordenación de Jacinto Benavente en transformación urbanística. Amais, o alcalde trasladoulle a Carlos Botana a súa oposición total ao tren a Bouzas “que comparte Stellantis, que non quere que se utilice porque non ten carga nin hai espazo”.