Escoitar

Case a metade das asociacións non lucrativas de Vigo son xeradoras de emprego

mércores, 27 xuñ 2001
imx386.jpg
A Concellería de Participación Cidadá presentou unha publicación que recolle os resultados do traballo de investigación ”As asociacións cívicas e comunitarias como potenciais xacementos de emprego na súa función de prestación de servicios á comunidade”, dirixida a detectar iniciativas que poden resultar favorecedoras de liñas de emprego nos sectores de servicios, asociativo e de acción comunitaria integral.

A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, criticou que a Xunta de Galicia non accedese a apoiar un proxecto presentado polo Concello para dotar as asociacións non lucrativas de Vigo de persoal cualificado. Administrativos, traballadores sociais, psicólogos e informáticos forman parte dos equipos multidisciplinares que demandan as asociacións para desenvolveren o seu traballo de forma óptima.

Para facer este estudio contouse cun equipo técnico e humano composto por unha socióloga, tres traballadoras sociais e unha administrativa que durante seis meses desenvolveron a investigación, extraendo unha mostra das distintas entidades sectoriais que operan na cidade, sobre as que se realizaron una serie de traballos técnicos e entrevistas persoais.

Entre os resultados destaca que un 89,02% das asociacións opinan que son potenciais xacementos de emprego e poderían seren empregadores se dispuxesen de máis medios e do apoio das administracións.

Un 48,78% das asociacións entrevistadas están a crear emprego dun ou doutro xeito. Isto supón que nestes momentos en Vigo un total de 1.066 persoas están a traballar para as 254 asociacións entrevistadas, o que suporía ó redor de 2.000 postos de traballo que se están a xerar na cidade por parte do terceiro sector.

A través das entrevistas constatouse a idea xeral de que as asociacións contribúen ó desenvolvemento económico e social. Concretamente, un 74,39% dos colectivos entrevistados coinciden nesta percepción e un 16,26% cren que só contribúen socialmente, fronte a un 4,88% que pensan que as asociacións non contribúen en ningún destes eidos. Asemade, todos coinciden en que se existise máis participación entre os sectores público, privado e asociativo poderían descubrirse novas estratexias en favor do emprego.

As asociacións que máis emprego están a crear nestes intres na nosa cidade son as do ámbito asistencial cunhas taxas de contratación máis elevadas que o resto das categorías. Seguidamente atópanse as veciñais que, pola contra, son as que representan unha maior porcentaxe de emprego somerxido.

Un 54,48% das asociacións entrevistadas séntense discriminadas pola Administración, argumentando como causa o gran favoritismo e amiguismo así como a excesiva politización dalgunhas federacións. Asemade, un 55,28% das mesmas non se senten escoitadas pola Administración á hora de presentar as súas demandas.

Como dato máis significativo hai que salientar que un 74,02% do emprego creado é asalariado, observándose os índices máis altos en contratos de tipo indefinido (39,92%), seguido polos de obra ou servicio (34,48%). O prototipo de traballador das asociacións é unha muller de entre 26 e 35 anos, que traballa como monitora. Nesta categoría atópanse os índices máis altos de persoal sen contratar.
Descargar todas as imaxes