O Concello e Renfe suscriben un acordo para promocionar viaxes a Vigo en tren
Abel Caballero e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, asinaron este acordo no marco da Feira Internacional de Turismo para promocionar a cidade olívica como destino turístico e de negocios.
Na mañá de hoxe, Abel Caballero, alcalde da cidade e presidente da Fundación Vigo Convention Bureau, achegouse ao stand de Renfe en FITUR, onde asinou un acordo co presidente da compañia ferroviaria, Isaías Táboas. Con este convenio promocionarase a cidade olívica como destino turístico e de negocios de viaxes en tren.
O acordo contempla que Renfe ofreza descontos aos asistentes e expositores das actividades que leven a cabo para a promoción do turismo de congresos, convencións e outros eventos que se celebren ou organice a Fundación Vigo Convention Bureau, tanto nos trens AVE como en Longa Distancia. Así mesmo, acordáronse descontos en tren tamén para as 'Escapadas Temáticas' ou de Turismo MICE (Meetings, Incentivos, Convencións, Eventos e Congresos) e Grupos. Pola súa banda, a Fundación Vigo Convention Bureau promocionará e publicitará a Renfe como 'tren oficial' de todas as actividades que leve a cabo para a promoción do turismo ou de negocios na cidade.
Coa rúbrica deste convenio, poderán obterse ofertas en hoteis, restaurantes, espectáculos, roteiros turísticos ou museos mediante a creación de paquetes turísticos que empreguen o tren como medio de transporte.