Escoitar

O Concello amplía en 100 prazas o servizo de teleasistencia

O alcalde pon en valor o labor que desenvolve o goberno municipal coas persoas que viven soas a través da teleasistencia domiciliaria, que é un servizo de balde, para o que non hai lista de espera.

xoves, 10 nov 2022
Abel Caballero comparece en rolda de prensa este xoves
Abel Caballero comparece en rolda de prensa este xoves

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a modificación do contrato de servizos de Teleasistencia Domiciliaria Municipal, que incrementa un 2,62% o seu importe, acadando un prezo total de 288.000 euros ata o ano 2024.

Tal e como explicou na rolda de prensa o alcalde, este cambio permitirá incrementar en 100 prazas os usuarios deste servizo municipal que “é excepcional” e amais “é de balde, soamente hai que solicitalo e non temos lista de espera, dámoslles o servizo inmediatamente”.

A mecánica de funcionamento da teleasistencia domiciliaria do Concello de Vigo permite que as persoas maiores realicen chamadas de emerxencia, empregando o botón vermello do servizo cando precisan axuda, e ao tempo, o persoal fai chamadas periódicas para comprobar o estado das persoas usuarias ou para facer seguimento dos seus problemas de saúde.

Caballero censurou, en cambio, o servizo de teleasistencia que presta o goberno autonómico por non ser de balde e por ter lista de espera para empregalo “insto á Xunta a que o dea de xeito gratuíto”.

76.500 euros para entidades viguesas

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves subvencións por importe de 76.500 euros a diferentes entidades culturais, cidadás, de festas e deportivas da cidade: a Agrupación Viguesa de Atletismo recibirá 10.000 euros para a organización do Gran Premio Cidade de Vigo de Atletismo 2022; 5.000 euros irán destinados á Real Federación Galega de Fútbol para a organización do evento deportivo Copa Vigo de Fútbol 2022; a Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas recibe 50.000 euros para a organización do festival poético piromusical Bouzas 2022 “unha parte importantísima destas festas págaas o Concello, como parte das festas de Vigo”, apuntou o alcalde.

Quedaron aprobadas tamén as subvencións para a Federación de Peñas El Olivo que organizará o Magosto desta fin de semana por importe de 7.000 euros e a subvención á Fundación Sondeseu para o Concerto do seu XX Aniversario por valor de 4.500 euros. Caballero destacou a traxectoria de Sondeseu que ten “a maior importancia, a maior relevancia”.

 

Descargar todas as imaxes