Escoitar

Juanes pediralle a Deus en Castrelos

O venres ten lugar o concerto do cantante colombiano Juanes. Daranlle a entrada Clandestinos.O prezo da entrada é de 10 € (anticipada) e 12 € (na entrada), sen asento. O concerto, como todos os que se enmarcan no festival "Para Vigo me voy", comezará ás 23:00 no Parque de Castrelos

xoves, 31 xul 2003
Dende moi pequeno o colombiano Juan Esteban Aristizábal Vázquez, Juanes, estaba interesado pola música. Con influencias de sons tan dispares coma os tangos de Gardel, a música de Silvio Rodríguez ou Jimmy Hendrix, forma Ekhymosis, o seu primeiro grupo musical, no que tocaba a guitarra á vez que levaba a voz cantante.

Despois de oito anos xuntos e de cinco discos gravados o grupo disólvese e Juanes dá os seus primeiros pasos como solista. En 1998, afincado nos Ángeles, atópase co productor arxentino Gustavo Santaolalla e con Aníbal Kerpel, cos que lle dá forma ao que no futuro sería o seu primeiro disco en solitario, un traballo con rock, funk, salsa e vallenato... que consegue oito nominacións aos Grammy e tres galardóns.

O seu seguinte traballo, "Un día normal", conta coa producción de Gustavo Santaolalla e está gravado no seu estudio nos Angeles.

Ao mesmo tempo continúa a programación de animación infantil. O parque de animación infantilcomprende xogos populares (carreira de tres pés, carreiras de sacos, busca do tesouro, baile da cadeira…), touro mecánico, casa de pelotas, futbolín humano, multiarcos, tobogán saltarín, caraoque e concurso de playback e a actuación do pallaso Popín. Terá lugar na Alameda de Bouzas, entre as 17:00 e as 21:00 h.

Tamén terá lugar a actuación da Unión Musical de Valadares, ás 9 da noite, na Praza da Estrela.

A banda de música "Union Músical de Valadares" fundouna no ano 1902 un grupo de 16 afeccionados, que pouco a pouco foron impulsándoa e renovándoa, sen que en ningun momento desaparecese.

Vivíronse grandes momentos artísticos durante os anos 50, con directores como Hernán Cortes, José Pena, Manuel Vázquez, José Oro Val, Alfonso Méndez... e foi este ultimo o que iniciou unha fonda renovación da formación. No ano 1971 o director Alfonso Méndez apostou por un alumno da escola de música para sucedelo, e desde aquela dota ocupa o cargo José Iglesias Ramilo.

A banda foise consolidando pouco a pouco, medrou o número de integrantes, aumentaron os alumnos e alumnas da escola de música e incluso se chegou a ter en Valadares un aula filial do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A agrupación conta con cinco edicións discográficas en CD e casete, dos que se venderon máis de 20.000 copias e ten obtido numerosos premios en Galicia e tamén en festivais de Valencia e Alacante.