Escoitar

La Cabra Mecánica, as bandas de música e a animación infantil chegan ás festas

O programa das Festas do Cristo continúa a súa marcha cara agosto. Para mañá, o calendario depara unha xornada de animación infantil, o concerto da banda de Candeán e a actuación do grupo pop La Cabra Mecánica.

martes, 29 xul 2003
1059476822historia41.jpg
La Cabra Mecánica
La Cabra Mecánica tocarán en Castrelos, a partir das 23:00 h. Daralles a entrada o cantautor Juantón. O prezo da entrada é de 10 € (anticipada) e de 12 € (na entrada), sen asento.

No ano 1983 comeza a despuntar en varios garitos de Madrid o grupo Maleza, que xuntaba a tradición da rumba catalana e madrileña. Ese foi o antecedente de La Cabra Mecánica. O seu fundador, Miguel A. Hernando "Lichis" reuniu en Lavapiés un fato de amigos cos que traballou camo baixista profesional.

Pouco despois, o nome de La Cabra Mecánica comeza a soar con forza nos ambientes musicais, gracias a unha música mestiza e promiscua e a unhas letras sinceras. Varias discográficas interésanse entón pola banda, que finalmente opta por Dro East West para gravar o seu primeiro traballo "Cuando me suenan las tripas".

En 1999, case dous anos máis tarde, gravan o segundo disco, o polémico "Cabrón", un álbum anticomercial cunha acidez corrosiva. En xuño do 2001 sae á venda o seu terceiro traballo, "Vestidos de domingo", do que venden máis de 100.000 copias, o que lles permitirá dar 253 concertos e obter o premio da música ao autor relevación.

O parque de animación infantil comprende xogos populares (carreira de tres pés, carreiras de sacos, busca do tesouro, baile da cadeira…), touro mecánico, casa de pelotas, futbolín humano, multiarcos, tobogán saltarín, caraoque e concurso de playback e a actuación do pallaso Popín. Terá lugar na Alameda de Bouzas, entre as 17:00 e as 21:00 h.

O concerto da Banda Escola da UVCD de Candeán será ás 21:00 h., na praza da Estrela. A entrada, como para todas as actuacións do ciclo de bandas populares, é libre.

A fundación da Banda Escola de Candeán remóntase a comezos de ano 1993, cando se crea unha escola de música e solfeo na asociación veciñal de Candeán.

Os mellores alumnos e alumnas desta escola fóronse instruíndo en distintos instrumentos, e o día 18 de novembro de 1995, preséntase oficialmente a Banda Escola de Música de Candeán, nun concerto onde estivo acompañada polas bandas de música do Rosal, Valadares, Municipal de Arbo e Xuvenil de Chapela.

Dende entón actuou en infinidade de festas populares de Galicia e Portugal. Participou en festivais e encontros de bandas de música de Vigo, Ateneo de Marín, Pedrogão Pequeno-Castelo Branco (Portugal), Santiago de Compostela, etc. Tamén realizou diversas gravacións para a Radio Galega e a TV de Galica.

Actualmente a banda de música ten 60 compoñentes con idades comprendidas entre os 14 e 25 anos; moitos deles fan os seus estudios musicais no Conservatorio de Música de Vigo. O seu director foi sempre Xesús Iglesias Álvarez.

Descargar todas as imaxes