Escoitar

A FEMP e o Ministerio de Sanidade firman dous convenios co obxectivo de promover un estilo de vida saudable

O primeiro deles ten como obxectivo impulsar a creación e rehabilitación de contornas saudables no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e o segundo trata de potenciar a Rede de Cidades Saudables. Segundo explicou Abel Caballero, “Vigo vai optar, xa enviamos dous proxectos de parques infantís cun valor total de 300.000 euros pero confiamos en obter resposta positiva do Ministerio de Sanidade”.

martes, 19 xul 2022

O Presidente da FEMP, Abel Caballero, e a Ministra de Sanidade, Carolina Darias, tiveron un encontro esta maña na sede da Federación de Española de Municipios e Provincias para subscribir dous convenios de colaboración entre ambos órganos.

En primeiro lugar, pecharon un acordo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con Fondos Europeos Next Generation EU, que buscará favorecer accións destinadas a impulsar estilos de vida saudables dende os entes locais.

Con este convenio o Goberno de España financiará a transformación e creación de infraestruturas para a “potenciación da actividade ao aire libre”, como declarou a Ministra de Sanidade. Algunhas desas infraestruturas abarcan o fomento do uso da bicicleta (que non resten espazo ao uso peonil); roteiros ou circuítos saudables, seguros e accesibles; creación de espazos saudables que potencien a actividade física e a saúde, así como a ampliación de beirarrúas e outras actuacións para a promoción de estilos de vida saudables na infancia e a adolescencia, como o deseño de itinerarios seguros a pé e en bicicleta.

O Ministerio de Sanidade a través destes fondos europeos dedicará 18 millóns de euros ás Entidades Locais, “dos que acabamos de firmar 12 que saen a concurso para que os concellos presenten os seus proxectos de vida saudable”, como sinalou Caballero. A solicitude terá un tope de 300.000€ para cada municipio.

Neste sentido, Abel Caballero afirmou que “Vigo vai optar, xa enviamos dous proxectos de parques infantís cun valor total de 300.000 euros pero confiamos en obter resposta positiva do Ministerio de Sanidade e agregalos á lista de proxectos europeos” cos que contará a cidade.

Impulso a Rede Española de Cidades Saudables (RECS)

Por outra banda, a colaboración co Ministerio tamén se estende ao acordo anual para potenciar a Rede Española de Cidades Saudables (RECS), pertencente a FEMP e, con iso, a implantación local da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención (EPSP).

As actuacións previstas oriéntanse ao desenvolvemento de actividades de promoción da saúde e prevención das enfermidades desde a óptica local, a través dunha rede de máis de 400 municipios que están comprometidos co proxecto Healthy Cities da Organización Mundial da Saúde. Carolina Darias destacou a relevancia das Entidades Locais para estes efectos e insistiu na súa “proximidade e compromiso na mellora da vida das persoas, xogando un papel decisivo na saúde e a prevención de enfermidades”.

Temáticas como a prevención do tabaquismo; consumo de alcol; a realización de actividade física; alimentación saudable; benestar emocional; envellecemento activo e saudable e infancia saudable forman parte do abanico proposto neste convenio. Neste sentido, tanto o presidente da FEMP e a ministra, destacaron as relativas ao benestar emocional e a prevención do suicidio, a obesidade infantil e a estratexia Fast Track Cities, orientada á erradicación de VIH e do seu estigma social.

A firma de ambos acordos veu a “referendar o compromiso do Goberno de España coas Entidades Locais”, segundo destacou o Presidente da FEMP, Abel Caballero. Ao seu xuízo, os convenios e as liñas de colaboración previstas nos mesmos evidencian “a relación directa que existe” entre o Goberno de España e os municipios, unha relación que xa se manifestou coa participación do propio Presidente da Federación no Consello Interterritorial de Sanidade, e que vén recoñecer “o papel vertebrador das Entidades Locais e a súa capacidade para tecer redes”.

Descargar todas as imaxes