Escoitar

O Concello dispón de 5 millóns de euros para o seu proxecto de edificios intelixentes

Vigo é unha das 8 cidades españolas que gañou a convocatoria do Ministerio de Economía coa proposta “Vigo Edificios Intelixentes: unha cidade para as persoas, accesible, eficiente e comprometida”.

venres, 21 xan 2022
Abel Caballero durante a súa comparecencia en rolda de prensa
Abel Caballero durante a súa comparecencia en rolda de prensa

O alcalde deu conta este venres da aprobación do proxecto de convenio de colaboración con ADIF para o desenvolvemento do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España, en concreto do “proxecto piloto de edificios intelixentes” que ofrecerá “unha gran cantidade de información en tempo real para ter unha mellor calidade de vida na cidade”.

Cun orzamento total de 5 millóns de euros - o Goberno de España achega case 4 millóns e o Concello 1,1 millóns, permitirá desenvolver o proxecto “Vigo Edificios Intelixentes: unha cidade para as persoas, accesible, eficiente e comprometida” que gañou a convocatoria do Ministerio de Economía e Empresa. Tamén foron seleccionadas Móstoles, Hospitalet, Valencia, Sevilla ou Málaga.

O Concello realizou unha selección de 172 edificios públicos e privados da cidade (78 no centro e 94 nas parroquias) para instalar o denominado “Nodo IOT”, que permite trasladar información en tempo real sobre calidade de auga, estacións meteorolóxicas, medidores de gases ou cámaras para contar persoas e coches e supervisar a aglomeración, o consumo de enerxía eléctrica e térmica, control de ruído ou a calidade lumínica.

Tal e como expuxo o alcalde, o equipo de traballo estará conformado por 17 persoas e hai varios espazos que conforman o proxecto: aeroporto, estación de ferrocarril, de autobús e o Porto así como outros edificios de titularidade municipal: edificios administrativos do Concello, Parque de Servizos do Concello, Auditorio Mar de Vigo, Museos, Bibliotecas, Estadio de Balaídos, Escola de Artes e Oficios, Albergue Municipal, os mercados municipais, centros cívicos, aparcamentos, VigoZoo... Tamén se inclúen edificios de sectores privados, vivendas, centros comerciais, hoteis e o Parque Tecnolóxico Zona Franca.

Persoas para xestionar os fondos europeos

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres tamén ao nomeamento de sete funcionarios interinos como enxeñeiros/as de camiños para executar a “inxente cantidade” de fondos do programa de “Xestión das axudas do programa Next Generation UE” por un período de tres anos.

A maior parte das actuacións municipais susceptibles de ser financiadas con cargo aos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, corresponde ás áreas de Fomento e Servizos e Administración Electrónica. Este persoal cooperará durante tres anos na xestión dos “máis de 100 millóns de euros de investimento que temos en marcha”.

Descargar todas as imaxes