Escoitar

Vigo abre esta fin de semana a caseta de Papá Noel e o Belén monumental da Casa das Artes

Este venres, Papa Noel instálase na súa casa de Policarpo Sanz, onde recibirá as peticións dos nenos e nenas en horario de tarde de luns a venres e tamén nas mañás e tardes das fins de semana e festivos. Ademais, o Concello inaugura este sábado o Belén monumental con máis de 200 figuras e unha mistura da escenografía local coa tradicional.

venres, 26 nov 2021
Chegada de Papá Noel a Vigo, na tarde deste venres.
Chegada de Papá Noel a Vigo, na tarde deste venres.

Un ano máis, Papa Noel chega a Vigo. E vai atender ás familias na súa casa de madeira de Policarpo Sanz, de 17 a 21 horas de luns a venres e de mañá e tarde as fins de semana e festivos: de 11 a 14 e de 17 a 21 horas. Manterá este horario ampliado na ponte da Constitución e na semana previa ao Nadal, desde o sábado 18 de decembro ata a agardada Noiteboa.

Os nenos e nenas poderán falar persoalmente con Papá Noel e tamén entregar a súa carta e depositala alí mesmo, en Policarpo Sanz. A casa de madeira forma parte dun poboado de Nadal con decoración, con renos de madeira que tiran dun trineo cheo de sacos con agasallos, unha zona con abetos, espazos axardinados e iluminación. Durante as visitas, seguirase en todo momento as condicións e medidas sanitarias contra o Covid: aforamentos, xel desinfectante, máscara facial e distancia de seguridade.

Un día despois da chegada de Papá Noel á cidade, Vigo abrirá outro dos seus principais atractivos de Nadal: o Belén monumental da Casa das Artes. Desde este sábado ata o 6 de xaneiro, o público poderá visitar a exposición con máis de 200 figuras dos prestixiosos obradoiros de Olot. O deseño conxuga os elementos e personaxes tradicionais dun nacemento con escenografías locais, feitas ex profeso: os ríos Lagares e Eifonso, a vila romana de Toralla, a oliveira, a ponte romana de Castrelos e o mercado do Berbés, entre moitas outras.

O Belén poderá ser visitado entre as 17 e as 21:30 horas de luns a xoves, mentres que nos venres se engadirá á quenda de tarde a apertura tamén de mañá, de 11 a 14 horas. Os sábados, domingos, festivos e víspera de festivos o horario é ininterrompido: de 11 a 21:30 horas. Os días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, pechará ás 19 horas, mentres que o 25 de decembro e os días 1 e 6 de xaneiro abrirá en horario de tarde: de 17 a 21:30 horas.

O alcalde, Abel Caballero, informou este venres da arribada de Papá Noel ao centro de Vigo, onde atenderá á infancia e familias, e tamén da apertura do Belén monumental da Casa das Artes e animou á cidadanía a visitala.

 

Chegada de Papá Noel a Vigo, na tarde deste venres.
Descargar todas as imaxes