Escoitar

Caballero eríxese en “aliado” da hostalería, á que felicitou polo seu comportamento fronte o Covid

O alcalde participou este luns na entrega de premios da sétima edición do Petisquiño, o Concurso de Tapas de Vigo, e louvou a iniciativa e a “calidade” dos participantes. Abel Caballero insistiu en que “a hostalería non é a transmisora do repunte dos contaxios” e advertiu que “non queremos que se estableza ningunha medida que non vai resolver o problema”.

luns, 22 nov 2021
Celia Cabrera e Abel Caballero, este luns durante o acto.
Celia Cabrera e Abel Caballero, este luns durante o acto.

O evento celebrouse na mañá deste luns no hall do Auditorio Mar de Vigo. Alí, a coordinadora do Petisquiño, Celia Cabrera, trasladou que os organizadores están “contentos coa participación e a aceptación espectacular na rúa” do certame deste ano e valorou a “incrible calidade das tapas” a concurso, que permite que “cada ano o nivel sexa mellor”.

Pola súa banda, Abel Caballero felicitou á hostalería “polo comportamento que tedes” e recordou a “dureza patente” deste ano e medio de pandemia. O alcalde explicou que “a hostalería non é a transmisora do repunte dos contaxios” e avanzou que “non queremos que se estableza ningunha medida que non vai resolver o problema”, posto que o incremento actual dos casos de Covid “non ten que ver” co sector.

O alcalde aplaudiu o concurso, que acadou este ano a súa sétima edición “cada vez con máis éxito”, o que plasma “a calidade da hostalería e da restauración” viguesas. O evento conclúe xusto ao inicio do Nadal, unha campaña que o alcalde agarda “apoteósica” cunha primeira fin de semana na que “enchemos a cidade” e con previsións “moi boas” para as próximas semanas. “Xa ninguén discute que Vigo é o lugar referente do Nadal”, abondou: “Temos que seguir facendo este proxecto, que é de anos de duración”.

“En min tedes un aliado, son un firme defensor do sector”, trasladou Caballero aos hostaleiros e hostaleiras presentes no Mar de Vigo. E para pechar a súa intervención, o alcalde enviou unha mensaxe de unidade: “Sigamos compactados facendo marca turística Vigo, porque é o mellor que nos pode suceder”.

Celia Cabrera e Abel Caballero, este luns durante o acto.
Descargar todas as imaxes