“Todo Vigo” acende este sábado o seu Nadal
Desde a árbore de Policarpo Sanz o alcalde dará inicio ao “fenómeno extraordinario do acendido das luces de Nadal de Vigo”, nun acto previsto ás 20:30 horas. Desde ese momento, a iluminación de toda a cidade irá activándose pouco a pouco.
Unha vez rematado o acto do acendido, quedará aberto o acceso á árbore para tódalas persoas que queiran visitala. “Imos transitar con sosego e tranquilidade”, apuntou o rexedor, que lembrou que o plan de autoprotección establece a separación do público asistente ao acto en 7 zonas acoutadas cun aforo máximo de 500 persoas. Aquelas que non poidan acceder no primeiro momento irán entrando paulatinamente desde Policarpo Sanz ata a árbore, saíndo despois por Álvarez Blázquez.
O rexedor informou da instalación dunha pantalla para seguir o acto en Policarpo Sanz, á altura da caseta de Papá Noel, e doutra no MARCO, onde nestes momentos está a conta a atrás do acendido. Salientou tamén o importante número de medios acreditados para cubrir o evento, que poderá seguirse a través da web do Concello e por streaming en diferentes medios de comunicación.
Desde este sábado quedan abertos todos os elementos decorativos da cidade: os xardíns efémeros, os sets decorativos, o photocall da zona da Pedra e os elementos instalados por todo Vigo e, o domingo, entra en funcionamento o carrusel de Porta do Sol.
O alcalde avanzou tamén a paralización das obras da cidade durante o período do Nadal para facilitar o tránsito de persoas e vehículos. Así, desde mañá poderase transitar pola Porta do Sol a través dos pasos habilitados na zona da obra, cuxo recinto estará valado con proteccións translúcidas. Son pasos de cinco metros de ancho desde Doutor Cadaval ata Carral, outros dous pasos ata a Praza Princesa e a Praza Constitución e un cuarto paso á altura da Pinacoteca e zonas para cruzar en Elduayen.
Convenio con Renfe
O alcalde informou tamén da sinatura dun convenio de colaboración con Renfe, mediante o cal se ofertan paquetes turísticos ás persoas que visiten a cidade e que inclúen a viaxe en tren e a estancia nun hotel cun desconto do 10%. “Queremos que veña o máximo de xente e da mellor maneira posible e vir en tren é un coche menos na cidade e iso gústanos”. Engadiu amais que os plans de tráfico do Nadal durante máis de trinta días supón na práctica a peonalización do centro da cidade.