Escoitar

A presión fiscal en Vigo foi no 2020 un 21,5% inferior á media dos municipios españois

O alcalde ofreceu os datos este martes, un día antes de que o Pleno vote a aprobación inicial do orzamento do Concello para 2022, contas récord sen débeda, con pago a provedores en oito días e conxelación de taxas e impostos. Cada vigués o ano pasado pagou 511 euros en impostos, cando a media de España ascendeu a 652 euros e ata os 734 euros no caso das cidades con máis de 250.000 habitantes.

martes, 16 nov 2021
Abel Caballero, este martes en rolda de prensa.
Abel Caballero, este martes en rolda de prensa.

“Somos uns xestores de finanzas excepcionais”, valorou este martes Abel Caballero, logo de trasladar en rolda de prensa que o Concello de Vigo contará previsiblemente o ano que vén cun orzamento récord de 285,5 millóns de euros, con “débeda cero”, conxelando os impostos e taxas para o próximo ano e aplicando bonificacións e exencións fiscais por valor de 17 millóns de euros.

A presión fiscal no ano 2020 en Vigo, explicou Abel Caballero, ascendeu a 511 euros por habitante. Segundo datos de esPúblico, a media dos municipios españois no pasado ano elevouse ata os 652 euros, co que un vigués abonou un 21,5% menos. Se se compara coas urbes españolas con máis de 250.000 habitantes, a diferencia se agranda aínda máis: a presión fiscal media acada os 734 euros polos 511 de Vigo.

De cara ao próximo ano, o goberno de Vigo non aplicará ningunha suba de impostos e taxas nin tampouco os adaptará ao IPC vixente, índice que subiu un 5,4% en España no último mes. Tampouco se recorrerá ao endebedamento, continuando as contas municipais con “débeda cero”, en verbas do alcalde. Caballero tamén recordou que o Concello paga aos seus provedores en oito días e deixará de ingresar 17 millóns de euros en concepto de bonificacións e exencións fiscais en impostos e taxas, principalmente por criterio de rendas económicas.

“Estamos facendo o orzamento máis importante da historia da cidade de Vigo, con 21 millóns máis que o ano pasado”, manifestou Caballero. As contas ascenden a 285,5 millóns e serán debatidas polo Pleno da Corporación mañá mércores para a súa eventual aprobación inicial.

Descargar todas as imaxes