Escoitar

Concello e Afaga reclaman un novo protocolo de diagnóstico precoz para o Alzhéimer

Con motivo do Día Mundial do Alzhéimer, Concello e Afaga esixen un novo protocolo para diagnosticar antes o deterioro cognitivo-funcional. Así o transmitiron o presidente da asociación, Juan Carlos Rodríguez e a concelleira de Políticas de Benestar, Yolanda Aguiar, quen enfatizou que todos os programas municipais enmárcanse nun novo modelo de atención ás persoas maiores.

luns, 20 set 2021

Juan Carlos Rodríguez, presidente da Asociación Afaga Alzhéimer, manifestou na rolda de prensa celebrada hoxe no Concello a necesidade dun protocolo sanitario para diagnosticar precozmente o deterioro cognitivo-funcional na poboación máis vulnerable, os maiores. “Dada a situación actual da demencia e coa situación que ocasionou a pandemia no deterioro cognitivo ,urximos un novo protocolo sanitario”. Pola súa banda, a concelleira de Políticas de Benestar, Yolanda Aguiar, indicou que "desde o o Concello de Vigo queremos aproveitar a celebración do Día Mundial do Alzhéimer para poñer en valor un novo modelo de cuidados das persoas maiores”. Neste sentido, engadiu que todos os programas e servizos que o Concello pon a disposición das persoas maiores: servizo de axuda no fogar (con máis de 1.200 usuarios), teleasistencia gratuíta (con máis de 800 usuarios), coidadores de barrio (con máis de 250 usuarios), envellecemento activo (con 2.100 usuarios), teñen como principal obxectivo o coidado centrado na persoa na procura da mellora da calidade de vida dos nosos maiores para que poidan gozar nos seus fogares de todos os servizos e prestacións. Na súa opinión, as residencias non deixan de supoñer un desarraigo para a persoa maior, que ten que abandonar o seu fogar e a súa contorna familiar, polo que, dende o Concello traballamos arreo para atrasar ese momento de ingreso nunha residencia.

Yolanda Aguiar insistiu, aproveitando esta conmemoración, na esixencia á Xunta de Galicia dun cambio radical no modelo residencial das persoas maiores. “As residencias deben ser fogares, nin hospitais, nin macro establecementos. As residencias deben ser máis reducidas, garantir a privacidade dos usuarios, facilitar a relación da persoa maior coa sua contorna habitual, permitir a socialización no barrio e non desarraigar as persoas maiores da súa vida cotiá. O día Mundial do Alzhéimer debe servir para visibilizar a necesidade dun cambio radical de modelo de atención ás persoas maiores”.

Lema
O tema da campaña deste ano para o Día Mundial do Alzhéimer é a detección precoz do deterioro para comezar o tratamento canto antes persoas que se atopan nos primeiros estadios da enfermidade. Polo tanto, Afaga Alzhéimer organiza unha serie de actividades para mañá 21 de setembro dirixidas a toda a poboación. Por unha banda, está prevista unha conferencia de Javier Yanguas Lezaun no Museo Marco (Vigo) ás 19:30 h, baixo o título Soidade e demencia: aprendizaxe baseada na experiencia COVID. E pola outra, están as excursións en barco pola Ría de Vigo en colaboración co Concello, ademais das táboas informativas que se instalarán na zona de Calvario diante do mercado de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 na Rúa del Príncipe fronte ao Museo do Marco.

 

Descargar todas as imaxes