Escoitar

A Corporación aproba por unanimidade o primeiro Plan de Igualdade do persoal do Concello

A concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, sinalou como obxectivo principal “a integración transversal do principio de igualdade nas actuacións do Concello de Vigo e eliminación de obstáculos que impidan ou dificulten a igualdade efectiva de mulleres e homes”

mércores, 15 set 2021

O Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade o primeiro Plan de Igualade do persoal ao servizo do Concello de Vigo. A edil de Igualdade, Uxía Blanco, puxo de manifesto o compromiso adquirido polo goberno municipal para desenvolver políticas de igualdade de trato de oportunidades entre homes e mulleres seb discriminación directa ou indirectamente por razón de sexo, así como impulsar o fomento de medidas para conseguir a igualdade real no seo da organización, establecendo a igualdade como principio estratéxico.

Deste xeito, Blanco explicou que o Plan terá alcance para todo o persoal, tanto funcionario como laboral, do Concello de Vigo e o persoal da Xerencia Municipal de Urbanismo. Actuarase en 12 área: proceso de formación e contratación, desenvolvemento da carreira profesional, clasificación profesional, infrarepresentación feminina, formación, retribucións, conciliación e responsabilidade, prevención do acoso sexual e por razón de sexo, violencia de xénero, condicións de traballo e saúde laboral, comunicación, cultura e responsabilidade corporativa e transversalidade, estudos, informes e medios. En total, segundo explicou a responsable da área, 140 medidas de actuacións, con indicación en cada unha delas do seu cronograma, indicadores de avaliación e os ámbitos responsables da súa execución. “Todos eles acordados na Mesa Sectorial”, apuntou.

A concelleira rematou a súa intervención lembrando que no ano 2013 o Concello recibiu o Premio Nacional en recoñecemento aos programas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero na mocidade, nomeadamente o programa “EnlazaVigo” e no ano 2017 o Premio Nacional en recoñecemento á labor deste concello pola posta en marcha de dispositivos de protección e acollemento para mulleres vítimas de violencia de xénero como as tres vivendas municipais de protección

Festivos locais

O Pleno, tamén por unanimidade, aprobou os festivos locais para o ano 2022. Acordouse o 28 de marzo, a Reconquista de Vigo, e o 16 de agosto, San Roque.

 

Descargar todas as imaxes