O alcalde aborda con Ryanair a recuperación de voos desde Vigo
Abel Caballero mantivo un encontro telemático con responsables da aeroliña con quen, dixo, “queremos ter unha boa relación pero co noso modelo de convenio”.
O rexedor propuxo ao director de desenvolvemento de rutas, que participou na reunión desde Dublín, “retomar os anteriores convenios ou algo similar porque nos gustaría que Ryanair operase desde Vigo”. De feito, lembrou que a compañía aérea xa ten articulados varios voos en diferentes días da semana desde Vigo a Barcelona “dada a gran demanda, que vai ir a máis”.
O alcalde adiantou que a próxima semana intercambiarán opinións sobre os voos nacionais e internacionais que lle conveñen á cidade “e a partir dese momento comezaremos as negociacións que serán discretas. Temos tempo para negociar xa que a idea da compañía é operar cara á primavera – verán de 2022”.
Para Caballero, o verán na cidade falando en termos turísticos “será bo e o Nadal moi bo”, unha previsión que coñece Ryanair e que motiva “que estea vendendo billetes”. Con todo, o Concello quere establecer o modelo vigués de convenio na relación coa compañía no que non se contempla “ningunha publicidade en avións que non veñan a Vigo, se non veñen aquí, que poñan publicidade de Vigo en Moscú non me ten ningún interese”, sinalou. Tamén, apuntou que “haberá unha licitación pública para dar oportunidade de concorrencia e en cumprimento da norma que non imos vulnerar”.