Escoitar

A Corporación insta ao goberno autonómico a regular un plan de indemnización á hostalería

A moción socialista, que saíu adiante coas abstencións dos grupos da oposición, demanda da Xunta de Galicia a regulación dun Plan de indemnización para o sector da hostalería de Vigo, que compense economicamente o peche da actividade total ou parcial con motivo da pandemia da Covid-19.

mércores, 30 dec 2020

O voceiro socialista, Carlos López Font, defendeu a moción expoñendo a necesidade de que a Xunta de Galicia como administración competente en ditar os peches de actividade "adopte de inmediato un Plan de indemnización para o sector da hostalería de Vigo" que aborde a situación actual e a que poida xurdir no futuro como consecuencia da pandemia, que regule os tipos de compensacións para cada decisión sanitaria que se adopte e que permita a súa execución inmediata.

Amais, o última sesión plenaria do 2020 deu o visto bo á moción na que o grupo municipal socialista reclama á Xunta de Galicia que realice unha achega de recursos económicos consonte coa poboación residente na cidade e que, “en ningún caso, será inferior ao 10% dos recursos percibidos do Estado”. O edil de Facenda, Jaime Aneiros, sinalou que o goberno galego recibiu 17.010.652 euros do Goberno do Estado para atender as necesidades do Covid-19 da poboación galega pero non ingresou “cantidade algunha ás Corporacións Locais” dende entón e ata primeiros do mes de decembro. Durante ese tempo, o Concello de Vigo atendeu cos seus propios recursos as necesidades cidadás de atención social, familias, colexios, desinfección de espazos públicos ou de uso público, redución de taxas... Marea de Vigo apoiou a moción socialista mentres o PP e o concelleiro non adscrito se abstiveron.